Anabel Gulías presenta a programación do 8M | Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra lanza unha nova campaña do 8M baixo o lema ‘Non van conseguir que o medo nos volva encerrar nas casas’

6 Marzo 2026

A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, presentou unha nova campaña do 8M co obxectivo de facer fronte ao avance do discurso reaccionario


A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, presentou este mércores, 4 de marzo, a campaña e a programación do Concello de Pontevedra con motivo do 8M, Día Internacional da Muller. Na súa comparecencia, a edil advertiu que o movemento feminista está a atravesar unha das maiores vagas de agresións dos últimos anos, alertando do avance dun “discurso reaccionario e negacionista” que xa se está a materializar en feitos, ameazas e agresións físicas cara ás mulleres.

Para facer fronte a esta situación, o Concello vén de lanzar a campaña do 8M baixo o lema “Non van conseguir que o medo nos volva encerrar nas casas”.

Gulías explicou que o obxectivo central é reivindicar o dereito das mulleres a ocupar os espazos públicos e institucionais, espazos dos que historicamente foron relegadas. Nesta liña, lembrou os pasos xa dados na cidade para a conquista do espazo público, como a substitución da rúa Juan Carlos I polo nome da galeguista Virxinia Pereira Renda, ou a recuperación da praza da Audiencia como espazo de memoria para as mulleres asasinadas por violencia machista.

Anabel Gulías presenta a programación do 8M | Concello de Pontevedra

A gran novidade desta edición é a posta en marcha da chamada “Primavera Feminista”, unha iniciativa deseñada para que a axenda reivindicativa transcenda a data do 8 de marzo e se manteña activa durante todo o ano. Utilizando a acepción de primavera como período de “plenitude e vigor”, o Concello preparou un extenso calendario de actividades:

  • Venres, 6 de marzo: Colgarase a faixa da campaña no balcón da casa consistorial e procederase á lectura do manifesto institucional. Este ano, o texto foi elaborado polo alumnado do IES Frei Martín Sarmiento a través do Consello da Muller Nova.
  • 13 e 14 de marzo: Celebración do foro “As mulleres que opinan son perigosas”, coordinado por Diana López Varela e Susana Pedreira, nunha programación conxunta coa Deputación de Pontevedra.
  • 23 de marzo (data prevista para a súa celebración): Lectura do manifesto do IES Frei Martín Sarmiento no Pleno ordinario municipal.
  • Abril: Nova sesión do club de lectura feminista ‘Sofá Violeta’ no centro social de Cons, coa autora Inma López Silva e a súa obra ‘Por que Asunta’. A finais de mes tamén se presentará na Casa das Campás o libro ‘As mulleres no xornalismo galego: A crónica revelada’, do Colexio Galego de Xornalistas.
  • 6 de maio: Faladoiro no Teatro Principal titulado ‘Tolas ou rebeldes, control social e represión das mulleres’, coa investigadora María Jesús López Escudeiro e Carmen V Valiña, autora dun ensaio sobre a represión das mulleres no psiquiátrico de Conxo.
  • 20 de maio: O Teatro Principal acollerá a palestra ‘Rachando o silencio das violencias’, coa presenza da xornalista Cristina Fallarás, á que a concelleira destacou como un exemplo das mulleres que están sendo sinaladas e ameazadas na actualidade.
  • 3 de xuño: Faladoiro coa escritora Ledicia Costas no Teatro Principal baixo o título ‘A voz escrita das mulleres’.

Ademais destes actos, durante o mes de maio iniciaranse obradoiros de igualdade, educación sexual e prevención da violencia machista nos centros educativos, dirixidos a alumnado, profesorado e familias. Gulías tamén agradeceu a implicación doutras áreas e actividades do Concello, coma Xuventude ou o Salón do Libro, na inclusión de propostas con perspectiva feminista.

Finalmente, a concelleira anunciou a creación dunha newsletter (boletín de novas) feminista dende o Concello, que estará operativa a partir do 8 de marzo na páxina web de Igualdade. O obxectivo desta ferramenta é aglutinar e difundir tanto a programación municipal como as propostas das asociacións da cidade.

Segundo Anabel Gulías, esta iniciativa busca “difundir contra os bulos, contra a violencia, a nosa coherencia e a nosa loita feminista dende as institucións e dende as rúas”.

Está pasando!