Demetrio Gómez e Montse Fajardo na presentación das xornadas e roteiros | Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra organiza xornadas e roteiros sobre o exilio galego no mes da Memoria Histórica

28 Outubro 2025

  • Os días 14 e 15 de novembro o Centro Social do Gorgullón acollerá as ‘Xornadas do Exilio Galego’ coordinadas por Montse Fajardo e con inscrición xa aberta en apuntate.pontevedra.gal
  • Na tarde do sábado 15 ás 16.30 horas terá lugar a estrea do roteiro ‘Mañá será outro día. Paseo sobre a literatura e o exilio en Pontevedra’ da man de Maos Innovación Social, para o que tamén é preciso formalizar inscrición no Apúntate.
  • Haberá dúas novas oportunidades de gozar do roteiro, que forma parte do proxecto ‘Pontevedra (D)escrita’, na xornada do sábado 22 con quenda ás 12.00 e ás 17.00 horas.

O edil de Memoria Histórica, Demetrio Gómez presentou esta mañá dous proxectos que terán lugar no mes de novembro e que “traemos cunha pouca antelación porque precisan inscrición. No mes de novembro aproveitamos para facer actividades centradas na Memoria e darlle impulso a este asunto que sempre está ben.

Os días 14 e 15 de novembro no Centro Social do Gorgullón teremos as xornadas de Memoria Histórica que este ano se van centrar no Exilio Galego, coordinadas por Montse Fajardo que vai debullar a continuación, pero tamén dentro do proxecto ‘Pontevedra (D)escrita’ co que xa fixemos roteiros sobre poesía, imos estrear neste mes de novembro o roteiro ‘Mañá será outro día’ sobre a pegada do exilio en Pontevedra.

Demetrio Gómez e Montse Fajardo na presentación das xornadas e roteiros | Concello de Pontevedra

Vén da man da Cooperativa de Innovación Social e vaise estrear o sábado 15 ás 16.30 horas, logo das xornadas de Memoria Histórica e o sábado 22 contará con dúas sesión ás 12.00 e ás 17.00 horas. Todas as actividades teñen aberta a inscrición en apuntate.pontevedra.gal

Vainos quedar un mes de novembro moi ben centrado neste asunto tan importante este ano porque como sabedes, o noso Castelao ao igual que outros moitos galegos e galegas, morreron no exilio sen poder volver á patria logo do golpe de Estado e a posterior represión do goberno franquista”.

Pola súa banda Montse Fajardo, xornalista e especialista en memoria histórica coordinadora do programa, quixo salientar a escolla da temática das xornadas deste ano “no que se conmemora o pasamento de Castelao, decidimos con Concello centrar estas xornadas que facemos cada ano en Pontevedra no Exilio Galego.

Teremos dúas xornadas a do venres pola tarde ‘Fuxir da barbarie’ máis centrada en contextualizar o exilio galego dentro do exilio español cunha das persoas que máis ten estudado a represión franquista en perspectiva comparada con outras ditaduras, o profesor Xosé Manuel Núñez Seixas que dará a charla inaugural seguida dunha mesa redonda para explicar como foi a propia fuxida en si coa participación de persoas expertas en cuestións como as vías utilizadas para saír do país ou o papel dos representantes do pobo galego nas redes solidarias de evacuación.

A análise non se centrará só naqueles aciagos días posteriores ao golpe, senón que chegará ata o tardofranquismo, coa participación de dúas senlleiras activistas que ben coñecen o exilio dos anos 70, como o caso de Elvira Souto.

A xornada do sábado pola maña, titulada ‘A vida no exilio’ estará centrada en analizar como era a vida das persoas exiliadas, cunha ollada especial cara ás mulleres e a forma en que estas narraron as súas vivencias da man de Carme Vidal e Nancy Pérez, como pioneiras en investigación con perspectiva de xénero.

O programa completarase con sendas conferencias sobre na vida cultural e na loita política que en prol do país realizou o noso exilio desde a diáspora, da man de Ramón Villares, centrándose na figura de Castelao e pecharemos as xornadas con ese recordo a el para despois facer o roteiro.”

Tamén quixo destacar que, fronte aos comentarios habituais de que “as mulleres non traballades na Memoria, non hai mulleres neste tema, nós traemos un programa con maioría de relatoras mulleres. Se se busca, estamos.”

Roteiro ‘Mañá será outro día. Paseo sobre a literatura e o exilio en Pontevedra’

Este paseo, destinado a persoas maiores de 16 anos, ofrece unha visión global sobre a relación entre a literatura, o exilio e Pontevedra.

Como Castelao desde Buenos Aires, pousaremos o noso pensamento na cidade e visitaremos oito espazos, deixando marxe á esperanza, como el mesmo fai coa frase con que pecha ‘Sempre en Galiza’: Mañán será outro día. E é que, a pesar das atrocidades sufridas, o exilio non calou e a literatura foi unha das súas ferramentas máis poderosas.

Aparecerán no noso camiño nomes como os de Xosé Sesto, Ramón de Valenzuela, Josefina Arruti, Osorio-Tafall ou Paz-Andrade.

Con deseño e guía dos paseos da man de Maos Innovación Social, S. Coop. Galega, as inscricións para asistir o sábado 15 ás 16.30 h ou o sábado 22 ás 12.00 ou 17.00h están abertas en apuntate.pontevedra.gal con 30 prazas dispoñibles por quenda.

Este é o segundo dos paseos previstos dentro do proxecto ‘Pontevedra (d)escrita’, do Concello de Pontevedra, deseñados coa vontade de visibilizar a diversidade de voces da Boa Vila.

Está pasando!