Demetrio Gómez na presentación dos últimos actos do Ano Castelao | Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra presenta unha completa e variada programación para os últimos meses de celebración do Ano Castelao

20 Outubro 2025

  • Palestras, roteiros, teatro e actividades infantís, etc. terán lugar da man de diferentes entidades locais entre outubro e decembro.
  • No mes de xaneiro, o día 7, aniversario do pasamento de Castelao, terá lugar a clausura nun acto institucional ao que asistirá Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega.
  • O edil de Cultura Demetrio Gómez quixo agradecer o esforzo e colaboración das asociacións e entidades locais que fixeron posible esta programación e tamén a Rei Zentolo polo deseño do cartaz para dala a coñecer.

O edil de Normalización Lingüística Demetrio Gómez presentou a programación de actividades que botaron a andar a principios de outubro e que, ata finais de ano, porán o broche á celebración do Ano Castelao.

Gómez, avanzou que aínda faltaba por pechar unha proposta que “será engadida nos próximos días a esta ampla programación, posible grazas a todas as entidades colaboradoras e participantes que estiveron con nós facendo este programa do Ano Castelao, demostrando ademais que Castelao en Pontevedra segue sendo un veciño moi, moi, moi querido. Todos gardamos a memoria deste home que foi moitas cousas, entre elas veciño noso e o auténtico constutor da Galiza moderna. Debera ser, de feito, o primeiro presidente da Galiza contemporánea”.

Antes de debullar o programa o edil quixo lembrar o traballo de Rei Zentolo co deseño do cartaz, “cun pequeno restyling sobre as versións anteriores que realmente quedou precioso e perfecto”.

Entre as propostas que xa botaron a andar están as palestras organizadas da man do Ateneo, que celebrará as seguintes o 22 de outubro ás 19.00 h no Pazo da Cultura e o 29 do mesmo mes no Café Moderno. Terá tamén lugar o Centenario da Coral Polifónica de Pontevedra o 22 de outubro.

No mes de novembro a programación contará cun roteiro por Pontevedra lembrando a Castelao dirixido a alumnados dos centros de secundaria da cidade e o día 8, a representación de ‘Os vellos non deben de namorarse’ da man de Os de Algures, Sete Espadelas, Aula de Teatro e outras entidades que, tal e como destacou o edil “é unha representación moi especial, que só se vai poder ver este día en todo o país.

Contará con toda a escenografía que Castelao deseñou para esta obra e hai un traballo especialísimo de recuperación de vestiario”.

Tamén no mes de novembro as xornadas de memoria ‘O exilio galego’ organizadas por Montse Fajardo que serán os días 14 e 15 no Centro Social do Gorgullón e o día 14 no local social de Lusquiños, a actividade infantil ‘Panchito’ da man de Polo Correo do Vento.

“Gustaríanos agradecer moitísimo a Polo Correo, o esforzo que está a facer para que esta actividade e a que levaron a cabo o pasado 10 de outubro se poida desenvolver. Logo do pasamento dun dos seus fundadores, que no renunciaran a levar a cabo as actividades programadas é moi encomiable”.

Para final de ano, o 18 decembro da man de Maiolongo, poderemos gozar dunha lectura de textos de Castelao no Café Moderno: “parecíanos unha boísima maneira de rematar o ano, escoitando a Castelao no espazo no que Castelao tiña os seus faladoiros”.

O Ano Castelao rematará o 7 de xaneiro, día do pasamento do Castelao, nun acto institucional que contará coa presenza de Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega que é a entidade que impulsou que en toda Galiza se celebre o Ano Castelao.

“Que veña a esta a súa cidade a clausurar o Ano Castelao a nós gústanos moitísimo e imos aproveitar ese día tamén para deixar lembranza permanente do Ano Castelao na rúa: no número 1 da Praza de España e no 6-8 da rúa da Oliva, vivendas que Castelao e Virxinia Pereira ocuparon mentres foron veciños e veciñas de Pontevedra e que terían ocupado moito máis tempo de non ter que marchar para o exilio no ano 36.”

Está pasando!