Presentación do V Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético | Concello de Redondela

O Concello de Redondela convoca a quinta edición do Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético

13 Novembro 2025

  • Este certame ten como obxectivo recoñecer e destacar publicacións xornalísticas que aborden de maneira ética e respectuosa os temas relacionados coa violencia de xénero, protexendo a intimidade das vítimas e das súas familias.
  • A alcaldesa Digna Rivas destaca que este premio “non só recoñece o esforzo e o compromiso dos e das profesionais do xornalismo que contribúen a combater a violencia de xénero, senón que tamén serve como un permanente recordatorio ás vítimas”.
  • O premio, dotado con 1.500 euros en efectivo, está aberto a traballos de calquera xénero xornalístico (noticias, artigos de opinión, reportaxes, etc.). Patricia Costa, Cristina García, Ana G. Liste, Macarena Baena e Laura de Grado son as gañadoras dos certames anteriores.

O Concello de Redondela consolida o seu compromiso co xornalismo ético na loita contra a violencia machista coa convocatoria do V Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético. Este certame ten como obxectivo recoñecer e destacar o traballo dos e das profesionais do xornalismo que aborden de maneira ética e respectuosa os temas relacionados coa violencia de xénero, protexendo a intimidade das vítimas e das súas familias.

A alcaldesa Digna Rivas, reafirma así u o compromiso do goberno local “na loita pola erradicación da lacra que supón a violencia machista en todas as súas manifestacións”. Rivas destacou que este premio “non só recoñecen o esforzo e o compromiso dos e das profesionais do xornalismo que contribúen a combater a violencia de xénero, senón que tamén serven como un permanente recordatorio das vítimas”. “Redondela sempre estivo comprometida coa igualdade e a loita contra a violencia machista e continúa día a día traballando nesta importante fronte”, sinala a alcaldesa.

Sesé Mateo (Chapela, Redondela 1965-2017) foi unha muller feminista e militante na defensa das liberdades básicas para os seres humanos, de calquera raza e condición. Foi asasinada en 2017 pola súa ex parella nun crime que deixou, tamén sen fogar á súa familia durante meses. A figura de Sesé Mateo inspira esta convocatoria por ser o seu caso un dos máis mediáticos de Galicia.

A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, sinala que “queda moito por mellorar aínda no ámbito do xornalismo con respecto ao tratamento da violencia en xeral e da violencia contra as mulleres e os seus fillos e fillas en particular”.

O premio, dotado con 1.500 euros en efectivo, está aberto a traballos de calquera xénero xornalístico (noticias, artigos de opinión, reportaxes, etc.) sen límite de extensión e que fosen publicados en xornais en papel ou dixitais, ou ben emitidos en medios de comunicación radiofónicos ou audiovisuais entre o 1 de setembro de 2024 e o 31 de agosto de 2025.

Poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Redondela ou nos lugares do procedemento administrativo común das administracións públicas, entre os que se atopa a Sede Electrónica do Concello de Redondela.

O prazo para a presentación dos traballos remata o luns 17 de novembro de 2025. Bases e anexos en redondela.gal

Está pasando!