Presentación da imaxe do cartel do Pazo do Nadal 2025 | Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo abre o prazo para inscribirse no mercadillo que acollerá a carpa do Pazo de Nadal

12 Novembro 2025

Haberá 20 casetas dispoñibles e poderanse presentar solicitudes ata o 23 de novembro


A Concellería de Cultura e Eventos, dirixida por Elena Torres, avanza na organización e preparativos do Pazo de Nadal co que contará Sanxenxo estas festas do Nadal na Praza do Mar.

A concelleira de Cultura, Elena Torres, acompañada dos edís de Turismo e Educación, Juan Deza e Nati Parada, presentaron a imaxe do cartel do Pazo de Nadal que converterá o recinto unha proposta atractiva para veciños e visitantes. Albergará unha pista de xeo, un mercado artesanal e gastronómico, zona de restauración, atraccións infantís e actividades culturais para toda a familia.

A partir de hoxe, a través de Nauta Sanxenxo, ábrese o prazo de inscrición para participar no mercadillo do Nadal da carpa do Pazo de Nadal que estará aberta ao público do 5 de decembro ao 5 de xaneiro.

Os interesados deberán encher un formulario de manifestación de interese e poderán consultar as bases, dispoñibles na web municipal do Concello de Sanxenxo e nas redes sociais municipais. A participación no mercado estará suxeita a criterios de diversidade de sectores, calidade das propostas, orixinalidade dos produtos e equilibrio territorial, co obxectivo de ofrecer unha mostra representativa e plural do talento e a creatividade local.

O prezo de participación será de 800 euros por caseta, que deberán ser abonados a Nauta Sanxenxo, entidade concesionaria do espazo onde se celebra o evento. O pago deberase realizar a semana previa á apertura do mercado. A falta do abono dentro do prazo establecido supoñerá a perda do dereito de participación. A participación poderá ser compartida entre dúas ou máis propostas (repartindo os días de ocupación) previa consulta e autorización da coordinación.

Os obxectivos que se perseguen son promover a creatividade, o talento local e o comercio de proximidade durante as festas; ofrecer un espazo expositivo e de venda de produtos de artesanía, deseño, gastronomía e creación local; fomentar a dinamización cultural e económica do municipio e consolidar este evento como cita de referencia para futuras edicións.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 23 de novembro.

A presentación dunha solicitude non garante a participación, xa que as prazas están limitadas a 20. A comisión técnica valorará as solicitudes segundo os seguintes criterios:

  • Orixinalidade, calidade e deseño do produto.
  • Diversidade de oferta, evitando a competencia directa entre postos.
  • Compromiso ambiental e sustentabilidade na produción.
  • Equilibrio entre sectores (artesanía, alimentación, moda, ilustración, decoración, etc.).
  • Proximidade territorial (priorizando produtores e creadoras locais ou comarcais).

O horario de apertura ao público será de 11:00 a 15:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas, salvo modificacións indicadas pola organización.

Cada expositor dispoñerá dun espazo aproximado de 2×2 metros, con mostrador frontal.

A organización facilitará a estrutura basee e o punto de conexión eléctrica.

Está pasando!