Loita Amada | Festival Solidario Nos Seus Pés

O concerto de Loita Amada e o Tapeo Solidario co Grupo Nove entre as actividades da VII edición do festival solidario Nos Seus Pés

5 Outubro 2025

  • O festival solidario celebra a VII edición no Grove do 17 ao 19 de outubro cunha programación con colaboracións do Grupo Nove, actividades para crianzas e concertos de balde
  • Entre os concertos máis destacados está Loita Amada, que presentará o seu novo traballo “Resistir é vencer” o sábado 18 de outubro

O festival solidario Nos Seus Pés anunciou o cartaz para a súa VII edición, cunha presentación na Praza de Arriba do Grove. A organización, formada por veciñanza da localidade, desvelou a programación que, como é habitual, é de balde, con actividades para todas as idades.

O festival seguirá sendo un espazo de solidaridade para recoller fondos para a oenegué Proem-aid.

Como novidades nesta edición o Tapeo Solidario aumenta a súa presencia na programación. Diferentes chefs do Grupo Nove pasarán polo festival o venres 17 de outubro -desde as 20:00 na Praza do Corgo- e o sábado 18 -nunha sesión vermú desde ás 13:00-, estarán acompañados tamén de propostas de diferentes cociñeiros locais.

Esta parte gastronómica do festival continuará o domingo 19 cunha paella popular ás 12:00, con concerto de Adrián Torres.

Sobre as actuacións musicais, o venres será a quenda dos artistas mecos Freshkiños, Tu Yenro Favorito e DJ Payca. O sábado será un dos días máis fortes do evento. A música xa estará presente na sesión vermú, da man de Zeltia Irevire & Sariña Sarandonga e de Paracetafolk.

Xa pola noite, desde as 22:00 pasarán pola Praza do Corgo a saxofonista Sophie Simmons, Loita Amada, un dos concertos máis agardados, xa que presentan o seu novo traballo “Resistir é vencer”; e Faul, unha das formacións de punk máis destacadas do panorama galego e nacional. Esta programación complétase con DJ Rapante.

O mesmo día 18, durante a tarde, celebraranse as actividades de Nos Seus Pesiños no Colexio das Monxas, con diferentes obradoiros para crianzas.

Nos Seus Pés destinará todos os cartos recadados en diferentes actividades á oenegué Proem-aid, que desenvolve traballos con persoas migrantes mediante proxectos como o ‘Proyecto Agua’, que actualmente ten lugar en Tenerife e Sevilla.

Nos Seus Pés creouse en 2018 por Mar Benavides coa colaboración de Javier Olleros e na organización do evento está implicada veciñanza e empresas locais, creando un evento a base de colaboracións que logrou destinar na pasada edición lograron enviar 15.000€ para impulsar o ‘Proyecto Agua’.

Está pasando!