O conxunto de corda da Filharmónica de Berlín e o Quinteto Lunfardo súmanse á Tempada de Abonos de Clásica do Teatro Afundación

7 Xaneiro 2026

O programa da nova Tempada de Abonos de Clásica do Teatro Afundación en Vigo comeza o próximo 30 de xaneiro de 2026 cunha estrea mundial: unha obra curta, ou cometa, como denomina a Real Filharmonía de Galicia (RFG) as pezas breves que encargou para celebrar o seu trixésimo aniversario, composta polo músico Voro García.

O título da peza é Muffled cry -Berro afogado-. Tras o concerto inaugural da Tempada de Abonos de Clásica coa RFG, e ata a interrupción estival, o programa inclúe outros seis concertos. Tres serán da propia Real Filharmonía, un da Sinfónica de Galicia, e outros dous correrán a cargo de dous quintetos: o de corda da Filharmónica de Berlín e o Quinteto Lunfardo, composto por músicos de Uruguai e Arxentina radicados en Europa.

A partir de hoxe, martes 7 de xaneiro, están dispoñibles as entradas sen abono en Ataquilla.com.

Música de corda desde Berlín

Tras o primeiro dos concertos, no que a RFG, dirixida por Baldur Brönnimann, interpretará tamén obras de Serguéi Prokófiev e Jean Sibelius, a segunda cita da Tempada de Abonos de Clásica será o mércores 25 de febreiro, ás 20 horas.

O Quinteto de Corda da Filharmónica de Berlín dará un concerto cuxo programa inclúe o Quinteto para clarinete en la maior, K581 de Mozart, e o Quinteto de corda núm. 3 en mi bemol maior, op. 97 «American» de Dvořák.

A RFG volverá subirse ao escenario do Teatro Afundación o 4 de marzo cun programa sorpresa para o concerto o que celebrará, ante o seu público de Vigo, as súas tres décadas de andaina. Levará a batuta o director oficial da formación, Baldur Brönnimann.

Xa o 22 de abril, e na súa terceira sesión do ano en Vigo, a Real Filharmonía comparecerá co inglés Paul Daniel á batuta.

Daniel foi director da RFG entre 2013 e 2022 e é bo coñecedor do público de Vigo, o Teatro Afundación, e a programación estable de música clásica na cidade promovida pola Obra Social de ABANCA na cidade.

Ao comezo da sesión musical dirixida por Paul Daniel, outra estrea absoluta: a cometa titulada Mares de Historias e creada polo compositor e pianista bilbaíno Gabriel Erkoreka. Despois interpretarán Mar ao norde, do recoñecido compositor compostelán Fernando Buide (1980). Soarán, ademais, pezas de Benjamin Britten e Jean Sibelius.

Quinteto Lunfardo

Coñecidas composicións musicais arxentinas como A Cumparsita ou Adiós Nonino, forman parte do repertorio que presentará o Quinteto Lunfardo no seu concerto no Teatro Afundación o 4 de maio ás 20 horas. Xunto aos músicos, sobre o escenario, estará a parella de baile que conforman Gladys e Óscar Zalazar.

O Quinteto Lunfardo é un grupo musical de tango formado por músicos arxentinos e uruguaios. Dende Europa, onde residen, interpretan e homenaxean, cun tamiz contemporáneo, os grandes temas do xénero.

OSG e RFG

Tan só 10 días despois, o 14 de maio, a Orquestra Sinfónica de Galicia comparece no Teatro Afundación cun programa no que a música do compositor de Mos Jacobo Gaspar (1975) dialogará con creacións clásicas de Richard Wagner (Alemaña, 1813) e Georg Friedrich Haas (Austria, 1953). Do repertorio de Gaspar, interpretarán Ars Umbrae.

Xa o 3 de xuño, a Real Filharmonía de Galicia, de novo con Baldur Brönnimann á batuta, subirase ao escenario do Teatro Afundación para poñer o ramo musical á primeira metade da Tempada de Abonos de Clásica en 2026.

O concerto comezará coa estrea doutra de cometas da RFG: trátase da peza I love sounds just as they are, creada por Octavi Rumbau. O programa contén ademais composicións do arxentino Alberto Ginastera (1916), e do checo Antonín Dvorák (1841).

«Cultura por alimentos»

A tempada de clásica do Teatro Afundación forma parte do programa solidario «Cultura por alimentos», desenvolto pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos.

Os asistentes aos concertos poderán colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos contedores dispostos para tal fin no Teatro Afundación de Vigo.

Está pasando!