Festa do Demo 2023 | © Atlantis Comunicación

O Demo volverá pisar as rúas da cidade de Pontevedra movéndose entre fume, trasnadas e música

22 Agosto 2024

  • A Festa do Demo regresa un ano máis para sorprender á Boa Vila, que este venres 23 de agosto terá nas súas mans a oportunidade de tirarlle do rabo
  • A cita, recuperada no ano 2001, xa superou as dúas décadas de celebración, o que evidencia a súa boa acollida e o seu establecemento total na programación do verán

A Festa do Demo volverá tinguir de cor vermella varias das rúas da cidade de Pontevedra. A saída do Demo e do seu séquito dos arcos de San Bartolomeu co fin de percorrer as rúas e prazas do centro histórico promete ser un acontecemento un tanto maligno, si, mais tamén unha cita onde a diversión, a sorpresa e a tradición popular son conxugadas nun mesmo espazo e nun mesmo tempo.

Ás 12.30 horas, do venres 23 de agosto, o Demo sairá da tradicional localización para a continuación continuar facendo o mal a través de burlas e trasnadas varias. Ás 20.00 horas, a comitiva volverá saír para facer de novo o percorrido, por se algunhas crianzas ou adultos perderon a oportunidade pola mañá.


Festa do Demo 2023 | © Atlantis Comunicación

Ás 21.00 horas comezará o concerto de San Bartomoleu ofrecido pola Banda de Música de Salcedo na praza de José Martí. Media horiña máis tarde, ás 21.30 horas, iniciarase a Foliada do Demo cos Chichisos e Silvia Redonda na praza de Curros Enríquez.

A Festa do Demo e os seus 23 anos de historia simbolizan o éxito que supón a recuperación de festividades e celebracións tradicionais, prohibidas e perdidas no seu momento. Esta cita é un exemplo dese folclore popular noso, que cómpre manter vivo no tempo, e que demostrar a súa vixencia á hora de ofrecer divertimento e festividade nos tempos actuais, ao tempo que achega unha preocupación pola etnografía pontevedresa.


Ilustración orixinal de Agostiño Portela, deixando constancia do Demo no ano 1947

No seu día, a recuperación desta cita foi un labor de investigación de enorme interese á par que complexo, perante a dificultade de atopar información sobre a celebración en si. O rastrexo principal levouse acabo a través do libro ‘Pontevedra, boa vila’, que conta cun texto de Vicente Risco e un par de ilustracións de Agostiño Portela.

Por suposto, a veciñanza tamén axudou, sendo fontes orais de referencia, ao contaren quen era Dominguiños, un pontevedrés daquela época, que sempre exercía de demo. Este Dominguiños era un antigo aprendiz de electricista, logo vendedor de décimos de lotaría, mais lembrado na memoria popular por exercer de Lucifer chegado o momento adecuado, intre do que nenos e nenas fuxían, malia que tamén sabían que podían obter algún que outro agasallo del en forma de caramelo.

Está pasando!