Presentación do Entroido de Bueu 2025 | Concello de Bueu

O Entroido de Bueu celebrarase do 28 de febreiro ao 15 de marzo cunha ampla programación que incluirá eventos nas tres parroquias

25 Febreiro 2025

  • Este luns presentouse o programa e Carmen García, concelleira de cultura, destacou que “temos un Entroido dinámico e vivo e cada ano sumamos novas propostas para animar á cidadanía”
  • A programación incluirá eventos nas tres parroquias, con propostas como festivais e actuacións de comparsas, actividades para a cativada, desfiles do Enterriño da Sardiña e do Paxaro de Mal Agoiro ou recuperación do Entroido na Illa de Ons

O Concello de Bueu organiza un extenso e variado programa de actividades para celebrar o Entroido 2025 na vila.

Carmen García, concelleira de cultura, presentou este luns a programación en rolda de prensa, acompañada de representantes das comparsas da vila e das asociacións que participan nesta gran festa que se estenderá do 28 de febreiro ao 15 de marzo.

Neste sentido, a edil agradeceu “a colaboración dos colectivos e comparsas da vila que contribúen a dinamizar o Entroido”. Así mesmo, destacou que “temos un Entroido vivo e dinámico ao que cada ano sumamos novas propostas para animar á veciñanza”.

Ao igual ca nos últimos anos, as actividades combinarán a tradición e a modernidade, con eventos para todos os públicos e nas tres parroquias.



O programa arrancará este venres, 28 de febreiro, cun pregón de inicio de Entroido a cargo das comparsas da vila, que terá lugar ás 20 horas no Concello. Precisamente, estas agrupacións seguirán sendo as grandes protagonistas do Entroido e por iso están programadas varias actuacións e festivais nos que o público asistente poderá gozar da música e das tradicionais “letrillas” de Vou nun bou, Os do Pinsel, Os Mulos, Tinta Femia, Os Kantaclaro As Faltriqueiras.

Ao día seguinte, da man da Asociación Cultural Costumes de Cela e o Concello, será o V Festival de Comparsas de Cela a partir das 17.30 horas na carpa do Adro da parroquia, e tamén as actividades infantís que promoven na pista da Banda do Río dende a Asociación Veciñal da Banda do Río no barrio entre as 17 e as 19 horas. Pola noite, a partir das 23 horas, a carpa de As Lagoas acollerá unha festa dos anos 80 coa actuación de XabiDJ.

O domingo 2, a parroquia de Cela acollerá actividades infantís pola tarde na zona do Adro. Pero, sobre todo, este día será especial pola recuperación do Entroido na Illa de Ons, que se celebrara por última vez no ano 1975, unha proposta levada a cabo polo Concello de Bueu e a Asociación Veciñal da Illa de Ons baixo as investigacións do bueués José Manuel Dopazo.

Para ese día está programada unha saída do entroido e as máscaras ás 12 horas, seguida dunha fiada co grupo Arredor da tradición, e saída dos mudados. Ademais, para as persoas que desexen asistir, a navieira Nabia disporá de servizo de barco con saída ás 10 horas e regreso ás 18 horas.

Os máis pequenos e pequenas poderán participar nos obradoiros de Entroido que se desenvolverán o luns, martes e mércores desa semana entre as 11 e as 13 horas na carpa de As Lagoas, e nos que o artista local Tino Resille realizará diversos xogos e actividades para vincular á cativada coa tradición do Paxaro de Mal Agoiro.

O martes 4 é a quenda da IX Filloada de Meiro, que organizan a Asociación Veciñal A Morada e o Concello de Bueu a partir das 16 horas. Neste evento poderanse degustar as tradicionais filloas e ademais haberá xogos populares, actuación de DJ Tomimagic e como remate as comparsas da vila.

O mércores 5 de marzo será o Desfile do Enterriño da Sardiña, que sairá ás 17 horas dende a Praza Massó e no que participarán os colectivos infantís da vila e as asociacións de nais e pais. Debido ao éxito dos últimos anos, o desfile estará acompañado por unha sardiña xigante elaborada con globos da man de Barafunda, e culminará na carpa de As Lagoas.



O venres 7 ás 21.00 horas, o Centro Social do Mar vibrará coa música das comparsas no XLII Festival de Comparsas a prol do Bueu Atlético Balonmán que estará presentado polo actor e humorista Carlos Blanco.

O sábado 8 organizarase unha festa infantil de disfraces na carpa de As Lagoas, na que se contará con persoal especializado en necesidades especiais.

A partir das 17 horas haberá xogos, música, ambientación e un concurso infantil con premios para catro categorías: bebés, infantil, xuvenil e familias. A continuación, arredor das 20 horas, as comparsas actuarán na carpa, e despois terá lugar unha festa con La Duendeneta.

O domingo desenvolverase o Desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro a partir das 17 horas polas rúas da vila.

Á semana seguinte, a festa comezará o venres 14 ás 21 horas co Festival de Comparsas do Bueu Atlético Balonmán que terá lugar na Casa do Pobo de Beluso, e ao día seguinte, ás 20 horas, as comparsas organizarán outro no Centro Social do Mar, co que se porá remate ao Entroido de Bueu 2025.



OS DESFILES DE ENTROIDO E OS PREMIOS

Como cada ano, o Entroido de Bueu celebra os tradicionais desfiles. O do Enterriño da Sardiña será o mércores 5 de marzo a partir das 17 horas con saída dende a Praza Massó e nel participan os colectivos infantís da vila.

Pola súa banda, o Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, encherá de cor as rúas da vila o domingo 9, á mesma hora, cun gran desfile e a tradicional queima do paxaro na praia da Banda do Río, que coma nos últimos anos é elaborado polo artista Tino Resille.

Precisamente, o Concello abrirá o mércores o prazo de inscrición para os premios de Entroido, nos que se repartirán 6.500 € entre todas as categorías, polo que as persoas e colectivos interesados en participar poderán anotarse e participar.

As bases completas poderán atoparse na web, unha vez que o anuncio e o extracto se publique no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).

Está pasando!