Presentación do Festaclown 2025 | Concello de Vilagarcía de Arousa

O Festaclow fai ondear a bandeira de Palestina nos 22 espectáculos que acollerá Vilagarcía do 18 ao 23 de agosto

31 Xullo 2025

  • O festival da risa, o Festaclow, regresa a Vilagarcía do 18 ao 23 de agosto cun cartel máis reivindicativo e solidario que nunca.
  • A carpa deste gran circo de rúa estará presidida este ano pola bandeira de Palestina, tal e como se ve na imaxe do cartel do festival que se presentou nos Xardíns de Ravella.
  • As rúas e prazas da cidade volverán encherse de acrobacias, humor, maxia, música e malabares cos 22 espectáculos gratuítos programados durante estes seis días de festa con conciencia social.

O Festaclown chega este ano a súa undécima edición en Vilagarcía e xa se ten convertido nun evento “indispensable nas festas de San Roque”, segundo expuxo o alcalde, Alberto Varela, na presentación.

“É unha das iniciativas das que nos sentimos especialmente orgullosos e que, co permiso de Culturactiva, sentimos como propia”. O rexedor destacou a calidade das compañías e dos espectáculos que reúne esta proposta cultural cada ano na cidade, e a gran acollida de público que ten, sinalando por riba de todo a vertente social e solidaria a través da que se ofrecen actividades “tan gratificantes” como as funcións cos usuarios de Con Eles, e “tan necesarias” como as que denuncian a situación de Palestina e o xenocidio do pobo gazatí.

Precisamente, o programa ábrese o 18 de agosto coa gala “Cultura contra a Barbarie”, protagonizada por Pallasos en Rebeldía e na que intervirán artistas como Mercedes Peón, Marta Sempre Arriba ou a compañía Circo Chosco. Nacho Fungueiriño, responsable de Culturactiva, explicou que “con esta gala queremos facer chegar o noso berro e tamén a nosa axuda á xente de Gaza, por iso solicitaremos o apoio da xente que asista”.

Fungueiriño comentou que as dúas liñas condutoras da presente edición do Festaclown serán a solidariedade e a reivindicación, por un lado, e a música e o humor, polo outro. “Os espectáculos abordarán esas temáticas, por iso imos ter moito humor, moita caña e moito ritmo, con música en directo e con parodias musicais”. Ademais de algunhas novidades con disciplinas que aínda non se tiñan visto no festival de Vilagarcía, como espectáculos que combinan as acrobacias en camas elásticas, danza e clown.

Presentación do Festaclown 2025 | Concello de Vilagarcía de Arousa

As tres pistas ao aire libre nas que se desenvolverá o circo do Festaclown serán o Xardín de Ravella, a Praza de Galicia e a Praza da II República. A excepción da xornada inaugural, na que haberá dúas actividades, realizaranse tres espectáculos por día, con sesións de mañá, tarde e noite. Todas de balde, como sinalou a concelleira de Cultura, Sonia Outón, e todas para “nenos de ata 100 anos”.

Pola súa banda, Jacobo Sutil, director da Agadic, recoñeceu a importante labor de promoción da cultura e a escena galegas que ten o Festaclown, poñendo en valor aos artistas da terra. De feito, dos 22 espectáculos que se representarán este ano, 11 son galegos. A maiores, o cartel tamén conta coa presenza de grandes compañías nacionais e internacionais, con grupos procedentes de Colombia, México e Arxentina.

O Concello de Vilagarcía promove e financia o Festaclown, evento organizado por Culturactiva e patrocinado pola Agadic, da Xunta de Galicia, e o Inaem, do Ministerio de Cultura.

Tanto Varela como Sutil destacaron a importancia que a colaboración institucional ten para poder sacar adiante eventos singulares e de tanta calidade como este. O representante de Culturactiva agradeceu a todos eles o apoio dado, e máis especialmente ao Concello de Vilagarcía “por ser o soporte principal do Festaclown e ter apostado forte por el dende o primeiro momento, cando non é o habitual para este modelo de cultura na rúa e de balde”.

Consulta o programa completo do Festaclown en festiclown.org

Está pasando!