O festival de cultura reivindicativa ‘Guerrilla’ amplía a súa duración e festexa a súa 3ª edición no Teatro Principal os días 29 e 30 de setembro e 5, 7 e 8 de outubro

15 Setembro 2023

  • MJ Pérez e O Rabelo, Leo Bassi, Mercedes Peón, Fermín Muguruza e Olatz Gorrotxategui son os/as artistas que achegarán da man de Culturactiva o seu talento e voz crítica en forma de humor, música, teatro e audiovisual
  • Os espectáculos de pago terán lugar ás 21.00 horas no Teatro Principal e as entradas xa están á venda anticipada en Ataquilla.com a prezos entre os 6 e os 10 euros. De non esgotarse, tamén unha hora antes de cada pase na billeteira do teatro
  • Pola súa banda, a proxección documental de Muguruza o domingo 8, será ás 18.00 horas con entrada de balde ata completar cabida

O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez presentou este pasado martes a 3ª edición do festival Guerrilla acompañado polo representante de Culturactiva Manuel Roxo e a artista Mercedes Peón, que formará parte da programación.

Apuntaba Demetrio para contextualizar este programa de cultura reivindicatica que “ás veces a arte crea mundos, imaxina lugares, espazos que serven para evadirse, que nos convidan a fuxir da realdiade e a escapar e non pensar que o que temos ao redor é un mundo problemático. Outras veces a arte móllase, enfángase, mánchase e colócase do lado das persoas que teñen problemas, que viven neste mundo complicado, das persoas que axudan a mantelo en pé e sobre todo das persoas que loitan. Esa é a arte que realmente consegue ser de verdade. Aquela que nos explica como é ese mundo no que vivimos, por que chegamos ata aquí, como son e que facían as persoas que estaban antes que nós para que o mundo fora ás veces incluso mellor e que nos convida a cámbialo e nos chama a loitar por ese cambio.


Presentación da 3ª edición de ‘Guerrilla’ | © Concello de Pontevedra

Esa é a arte que pon hoxe en día enriba da mesa as inxustizas como as que denuncia a loita LGTBIQ+, as que denuncia o feminismo, ou as que pon enriba da mesas as persoas que están comprometidas co seu propio país e os seus dereitos lingüísticos ou quen trae a solidariedade coas persoas que teñen que emigrar e deixar o seu país pola obriga que lles impón esta sociedade inxusta e o capitalismo inxusto. É unha arte perigosa, complicada, difícil, comprometida, tanto que mañá celebraremos 50 anos do pasamento de Víctor Jara a quen o seu compromiso levouno a dar a vida pola súa arte. E polo perigoso que é para moitas clases dominantes esa arte igual que o é hoxe. Esa arte perigosa e comprometida que nos convida a loitar é a que queremos traer ao Teatro Principal con este ciclo, Guerrilla a partir do día 29 de setembro e ata o 8 de outubro con 5 espectáculos de 1ª liña, 5 propostas, audiovisuais, musicais, etc. que entran dentro de esa arte máis comprometida co seu mundo e a necesidade de convertilo nun lugar mellor.”

Na súa quenda de palabra, Roxo debullou a programación por días: “unha programación que vén falar desas loitas sociais, deses espectáculos e artistas que nun momento dado poden ser incómodos, que poden falar de temáticas que nos afectan a todas e todos pero que o sistema non lles dá o espazo que moitas veces precisaría para poñer en cuestión valores fundamentais da nosa sociedade.

Agradecer ao Concello esta aposta por terceiro ano de Guerrilla. Unha programación que nunca tivo tantos días e tantos espectáculos e polo que queremos redobrar esas grazas a Demetrio e a todo o equipo de goberno. Con ela quixemos abordar as loitas sociais desde unhaperpsectiva interseccional, por iso os artistas que visitarán a cidade entre o 29 de setembro e o 8 de outubro traen espectáculos que falan de feminismo, diversidade afactivo-sexual, migracións, loita interxeracional, lingua, idadismo. etc.



A programación comeza cun dos seus pratos fortes, os concertos de MJ Pérez e O Rabelo, que serán o día 29 no Teatro Principal ás 21.00 horas. Estas dúas figuras son chaves para entender as reivindicacións de xénero e diversidade afectivo sexual da música galega actual. Sobre o escenario preséntase a importancia do feminismo e daranlle unha volta aos roles de xénero, abrindo camiño cara un novo espazo onde os estereotipos de xénero se dilúen num abiente festivo, inmersivo e animado.

O día 30 viaxa a Pontevedra dende Euskadi Olatz Gorrotxategui coa súa obra de teatro ‘Mierda de Ciudad, la historia del rock radical vasco’. O espectáculo será tamén no Teatro Principal ás 21.00 horas. A peza é un western musical sobre o auxe e a caída do rock radical vasco, unha historia sobre unha xeración que busca o seu lugar, chave para entender o contexto sociocultural da época.

A semana seguinte trae tres grandes nomes: Leo Bassi, Mercedes Peón e Fermín Muguruza. O xoves 5 Leo Bassi estará no Teatro Principal co seu espectáculo ’70+’, que está levantando paixóns alá por onde pasa. Nel, o famoso clown italiano reflexiona sobre o paso do tempo e conta como está vivindo a súa entrada na década dos 70: con vitalidade e ganas de facer cousas. “A mellor época da miña vida”, di. Pola súa banda, A idade como unha convención social.

Para poñer peche a programación o domingo 8 ás 19.00 horas, contaremos coas protagonistas do documental de Fermín Muguruza ‘Bidasoa 2018-2023’, Essoh Romeo Atchori, Yedoh Aetz Atchori Lazkano e Miren Larraitz Lazkano Vendrell. Protagonistas do documental que pon voz ás historias afogadas nas augas do río Bidasoa entre Irun e Hendaia polo esforzo policial en evitar a entrada dos inmigrantes en tránsito cara o resto de países europeos. Un acontecemento real que viviu a frontera pirenaico-atlántica natural do Bidasoa no verán do 2018.



Pola súa banda, a artista Mercedes Peón, que asistiu á rolda de prensa, estará o sábado 7 ás 21.00 horas no Principal con ‘Osmose’, un espectáculo audiovisual e sonoro que pon en valor a loita das obreiras da fábrica de Pontesa.

Avanzaba a artista galega que “Osmose é unha metáfora, unha peza ensaística, híbrida, onde
dialogo coa película de Margarita Ledo, dialogo co meu imaxinario sonoro –musical- político, e onde fago unha proposta visual e escénica na que pretendo amosarvos que acontece cando na osmose, onde temos dous líquidos separados por unha membrana, un dos líquidos ten presión. Ese líquido que ten presión digamos que sería as aldeas, os corpos pre xénero, a creación colectiva sen estar atravesada polo capitalismo. Que acontece cando se presiona e pasa da pantalla. É unha experiencia sensorial. O son que se realiza está pensado en 5.1 polo que hai unha experiencia sonora, una experiencia de arquitectura lumínica por parte de Laura Iturralde, certa improvisación, xa que como eu vou acompañando ás imaxes, se vai mesturando todo. É un espectáculo doado de ver e con moitísima plasticidade. Acontecen cousas que saen da pantalla, con moita fraxilidade é moi sutil. As protagonistas maiormente son as mulleres traballadoras e ides ver unha loita destas mulleres das conserveiras da Illa de Arousa e das traballadoras de Pontesa, con imaxes impresionantes”.

As entradas están xa á venda en Ataquilla.com cos descontos habituais. Teñen un prezo de 10 euros, agás o concerto de MJ Pérez e O Rabelo, que custa 6 euros e o documental de Fermín Muguruza, que será de balde.

Todos os espectáculos terá lugar no Teatro Principal ás 21.00 horas a excepción do documental de Muguruza ás 18.00 horas.

Está pasando!