Presentación da 9ª edición de ‘Folk no Alobre’ | Concello de Vilagarcía de Arousa

O ‘Folk no Alobre’ celebra a súa novena edición con moita música, gastronomía, un obradoiro e unha visita guiada

18 Agosto 2025

  • Vilagarcía énchese de música tradicional galega pola celebración da novena edición do ‘Folk no Alobre’, o vindeiro domingo 31 de agosto.
  • Música, gastronomía e outras actividades de lecer completar un cartel do máis variado que fará desfrutar a cativos e maiores.
  • A romaría urbana, organizada polo Concello e xestionada pola asociación Pés de Barro no parque Enrique Valdés Bermejo, é totalmente de balde.
  • Daniel Abad, secretario da agrupación, destacou que este proxecto “é moito máis que un festival; é unha celebración da nosa identidade, da nosa lingua e da nosa memoria colectiva”.

A romaría urbana ‘Folk no Alobre’ forma parte do selo ‘VGA 365’, que engloba algunhas das actividades culturais de referencia na cidade. “Dixémolo en moitas ocasións, Vilagarcía non para, e presentamos esta cita que une tradición e cultura nun espazo natural privilexiado, como é o Castriño”, apuntou o alcalde, Alberto Varela, durante a presentación.

A concelleira de Cultura, Sonia Outón, quixo en poñer en valor a importancia das pandereteiras na proposta deste ano, tendo en conta tamén que se lles dedicou o Día das Letras Galegas.

O evento, organizado polo Concello de Vilagarcía e xestionado pola asociación Pés de Barro, comeza ás 11:00 horas cunha visita guiada polo Castro e o parque acompañados por Xurxo Souto, “que irá narrando a parte histórica e a relación da cidade con ese espazo natural”.

A ruta estará ambientada polo o grupo tradicional Os Demos da Petaca e Guía. A saída é dende os xardíns da praza de Ravella e non é necesario reservar praza.

Ás 13:00 horas, sesión vermú coas Armadanzas, que traen o espectáculo ‘Bailando coa lingua’: son Montse Rivera e Mercedes Prieto. Ao mediodía haberá un xantar popular amenizado por grupos tradicionais de música. “Contaremos con algún posto de venda de comida e bebida a disposición dos participantes que non queiran traer o seu propio pícnic ”, explicou Abad.

Pola tarde, ás 16:00 horas haberá un obradoiro de iniciación ao baile galego solto, con Rosa do Pombal, bailadora e mestra cunha longa traxectoria neste eido. Neste caso tampouco será necesario ningún tipo de reserva ou inscrición previa.

Xa ás 18:00 horas comezan os concertos da man de Pandereteiras PesdeBarro; colle o relevo Os demos da petaca, un clásico xa do festival, con máis de vinte anos de percorrido recollendo e interpretando música popular; continúa o dúo Abril, formado por Claudia Abril e Marina Carpente, “un proxecto no que as melodías tradicionais galegas e ibéricas son adaptadas á nosa sonoridade actual”.

Malvela, o grupo de folk formado por persoas de diferentes idades que xurdiu arredor dun curso de canto popular, “traen unha proposta festiva, con versión emblemáticas como o Pirimpimpim’”.

“A festa pecharana Davide Salgado e Fransy González, unha proposta do máis interesante tendo en conta que estamos ante un dúo referente do folk galego”, declarou Outón.

Para o alcalde, Alberto Varela, trátase dunha “oportunidade de ouro” para desfrutar con amigos e familia dunha cita que “xa é ineludible” no calendario vilagarcián.

Está pasando!