Tres Pesos | Culturactiva

O grupo de música tradicional galega Tres Pesos presentará en Bueu o espectáculo ‘Cantares e contares’

17 Decembro 2025

O Centro Social do Mar de Bueu acollerá o luns 22 de decembro o concerto ‘Cantares e contares’ do grupo de música tradicional galega Tres Pesos, do que se poderá gozar a partir das 20.00 horas.

Tres Pesos son Felisa Segade (voz e percusións tradicionais), Xoán Porto (acordeón, voz e percusións tradicionais) e José Antonio Ferreira ‘Pepe de Calo’ (gaita, clarinete, voz e percusións tradicionais).

O destino designou como depositarias da nosa esencia ás xentes do pobo, e cando estas cantan e contan a quen as quere escoitar, o que sucede transcende a unha simple comunicación: a transmisión oral crea, entre quen emite e quen recibe, un vínculo que os fai para sempre parte dunha mesma realidade; posuidores do mesmo coñecemento e responsables da súa perdurabilidade.

Tanto cada unha das cantigas dos temas que conforman este traballo como os seus títulos son pequenas pílulas que conteñen ensinanzas e mensaxes completas, ou que nos levan a reflexións necesarias para comprender a idiosincrasia da nosa sociedade onte, hoxe e mañá. Conteñen, en resumo, un anaco da nosa esencia: do ser galego.

Os Tres Pesos soben á escena neste traballo para establecer ese vínculo unha vez máis, para ampliar o campo da transmisión oral máis aló das cantigas, para compartir co público unha ducia de ‘Contares e cantares’ entrañables que eles recibiron xa de outros. Para que a roda da transmisión oral non se deteña.

Está pasando!