Meco 2024 | © Concello de Redondela

O Meco de Redondela dille “NON” ao machismo e aos abusos de poder

8 Febreiro 2024

A figura do Meco deste 2024 amosa cun claro “Non é non” o rexeitamento ao machismo e aos abusos de poder representados na figura de Luis Rubiales, ex presidente de Real Federación Española de Fútbol.

O Entroido de Redondela manifesta así o seu rexeitamento “ao machismo e aos abusos de poder aos que se ven sometidas moitas mulleres” salienta a alcaldesa Digna Rivas, polo que a figura elixida este ano “representa totalmente este sentimento”.

Na figura pódese ver ao ex presidente da Real Federación Española de Fútbol coa cabeza dunha muller entre as mans facendo o xesto de querer bicala. O meco deste Entroido 2024 pon así o foco nun tema de gran relevancia do pasado ano “non só no mundo do deporte, senón na sociedade en xeral, e do que se fixeron eco medios de comunicación de todo o mundo”, sinala a concelleira de Cultura, Rita Pérez.

O fito histórico de que a selección feminina de fútbol gañase o Mundial de Australia viuse relegado a un segundo plano polo bico non consentido de Rubiales á xogadora Jenni Hermoso durante a celebración. O feito de que o ex directivo da Federación presionase logo á futbolista para que dixese que o bico fora consentido “é un exemplo máis dos abusos de poder aos que se ven sometidas moitas mulleres” salienta a alcaldesa Digna Rivas. O entroido é tradicionalmente unha época “de escarnio e sátira social” e a figura elixida este ano “representa totalmente este sentimento”.

A figura foi realizada por Rubén Casal, autor redondelán especializado neste tipo de representacións artísticas que leva xa varios anos facéndose cargo do Meco. Na escultura non falta detalle, conta co seu traxe feito a medida e está revestido cun tratamento “para que resista calquera inclemencia meteorolóxica” explica o artista.

A queima do Meco será o Martes de Entroido, día 13, como manda a tradición. Será ás 19.00 horas co espectáculo “Lume” de Troula Animación. A animación na rúa comezará xa ao mediodía, xa que un día de moita celebración en Redondela e que conta coa participación de veciños e veciñas de todas as idades.

Rita Pérez sinala a importancia desta xornada “que reúne a grupos de amigos e familias completas con nenos e adultos que viven o Entroido na rúa”. Ás 17.00 horas comezará o Desfile-Concurso de Disfraces individual e colectivo. As inscricións para participar poderán facerse nos soportais do Concello desde as 16.00 horas e a entrega de premios será ás 18.45 horas. Os máis pequenos terán o seu espazo na Alameda Castelao con diferentes obradoiros desde as 17.00 e ata as 19.30 horas e as rúas contarán con moita animación da man da Batucada Brassica Rapa, unha “brass band” feminina que interpreta grandes éxitos do pop, a música tradicional ou bandas sonoras de películas.

A festa continuará pola noite desde as 20.30 horas coa música da discoteca móbil da Duendeneta na rúa Alfonso XII.


Está pasando!