O Mercado Creativo, un espazo de encontro entre arte, cultura e gastronomía no Mercado de Abastos de Pontevedra

9 Outubro 2025

  • A primeira edición celebrarase este sábado no Mercado de Abastos e abrirá un ciclo de dez xornadas ata abril.
  • Tamén esta semana dá inicio a primeira Mesa do Camiño para peregrinos que estean a parar na Boa Vila.
  • O proxecto está financiado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados polo Concello de Pontevedra a través dun convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra.

O Concello de Pontevedra, a traves da área de Promocion Económica, presentou as dúas actividades que dan comezo esta semana dentro do programa Pontevedra Capital Gastro: o Mercado Creativo e máis a Mesa do Camiño.

A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, reiterou durante a presentación que o equipamento se converterá así nun referente do deseño e da arte e que en só un par de días xa foran seis as persoas interesadas en abrir un posto, dun total de 15 que haberá dispoñibles.

O Mercado Creativo constará de dez edicións que farán do primeiro andar do Mercado de Abastos un espazo vivo de encontro entre arte, cultura e gastronomía.

A primeira cita terá lugar este mesmo sábado 11 de outubro ás 11.00 horas, dando así inicio a un ciclo que se desenvolverá durante dez xornadas ata o mes de abril de 2026.

As vindeiras xornadas do Mercado Creativo volverán celebrarse os días 8 e o 22 de novembro, o 31 de xaneiro, o 14 e o 28 de febreiro, o 14 e o 28 de marzo, e o 11 e o 25 de abril.

Cada xornada contará con expositores, actividades paralelas e propostas culturais que farán do mercado un referente da creatividade pontevedresa, incluíndo un concerto de bandas locais para gozar dun vermú nun equipamento histórico e vivo da cidade que se estenderá até as 15.00 horas.

Para participar do Mercado Creativo, o Concello de Pontevedra convoca a artistas, deseñadoras e deseñadores con interese en formar parte das próximas edicións.

As inscricións están xa abertas de balde a través do formulario dispoñible na web municipal, no apartado Apúntate, e cómpre facelo canto antes porque as prazas son limitadas.

Ademais, complementarase con actividades para crianzas para garantir o ocio en todos os tramos de idade como é o caso do xa exitoso Ganapán, que se celebra os sábados pola mañá e que abre as inscricións cada mércores.

Por outra banda, o xoves día 9 deu inicio a primeira Mesa do Camiño, unha iniciativa de promoción do Camiño Portugués que quere amosar aos peregrinos que fan parada na cidade a gastronomía local, coa oportunidade de gozar das creaciós de cociñeiros e cociñeiras da Boa Vila.

O proxecto está incluído dentro do convenio de colaboración asinado entre o Concello de Pontevedra e a Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra valorado en 2 millóns de euros.

Este plan local forma parte do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral de Galicia. Os fondos dos que se benefician ambolosdous plans, foron distribuídos polo Ministerio de Industria y Turismo no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationEU da Unión Europea.

Está pasando!