Lérez Up, o salón do videoxogo e da cultura friki estrea terceira edición en setembro

26 Agosto 2024

Lérez Up anuncia a súa terceira edición para 2024 marcada pola novidade do cambio de datas. Este ano, o Recinto Feiral de Pontevedra abrirá as portas aos videoxogos e a cultura friki no último fin de semana de setembro, o 28 e 29.

O evento incluirá torneos de videoxogos recoñecidos a nivel nacional, como o Super Smash Bros Ultimate, League of Legends, Valorant e, como novidade, un torneo do Tekken 8, a famosa franquía de pelexas que estreou xogo a principios de ano.

Os xogos de mesa, e específicamente o xogo de cartas Magic The Gathering, terán o seu espazo único no recinto con varios torneos e programación propia.



Ademais, charlas e obradoiros compartirán escenario coas persoas que participen no concurso de cosplay, unha arte que amosa a maña dos seus participantes en costura, patronaxe e actuación. Ademais, os asistentes tamén poderán visitar e coñecer aos pequenos creadores que expoñan a súa arte, ilustración e artesanía de todo tipo.

O prezo das entradas anticipadas (ata o 26/09) é de 5 euros un día e 8 euros dous días. Na billeteira será de 6 euros un día e 9 euros dous días.

A información sobre o programa e as actividades desvelarase pouco a pouco a través das redes sociais dos organizadores, en Twitter e Instagram baixo o nome de @gaming_troop, e na páxina web www.gamingtroop.es/lerezup

Está pasando!