Presentacion do Samaín Briz 2025 | Concello de Marín

O Samaín Briz volverá ser o gran evento da noite do 31 de outubro

21 Outubro 2025

  • A concelleira de Festas, Marián Sanmartín, presentou a imaxe do cartel xunto coa Fundación Juan XXIII.
  • Xa se mantiveron varias reunións cos colectivos que colaboran no desenvolvemento da festa.
  • Volverán as rutas do medo, as estacións de acceso libre, os espectáculos e o PequeSamaín, entre outros atractivos.

Marín xa se prepara para converterse nunha auténtica vila de medo e diversión. O Samaín Briz volverá ser o gran evento da noite do 31 de outubro e o Concello xa está inmerso en toda a planificación.

A concelleira de Festas, Marián Sanmartín, mantivo encontros cos representantes dos colectivos e entidades que colaboran na festa e hoxe, xunto coa Fundación Juan XXIII, presentou a imaxe da festa.

Xunto coa fundación, a comparsa Os da Caña e o Club Deportivo La Peña volverán ser os piares deste evento, aos que xa se lles sumaron o ano pasado as comparsas Color Café, Val do Lérez, As Sonecas e este ano tamén a comparsa A Pandilla.

“Teremos de novo rutas do terror, ás que haberá que acceder facendo cola, pero tamén haberá percorridos de acceso libre por toda a finca con distintas estacións do medo”, adiantou Sanmartín, que recordou que a festa se desenvolve entre a tarde e a noite previa ao festivo de Todos Os Santos.

Os espectáculos da lagoa principal terán dous pases e serán de temáticas relacionadas co Samaín. Ademais, a zona do PequeSamaín, que volverá ubicarse no Auditorio, contará coa decoración de espantallos, realizados en colaboración coas persoas usuarias dos centros de día de Marín. Con moitas actividades, “animamos aos peques que sigan esta temática nos seus disfraces”.

“Tamén animamos aos comercios e ás comunidades de veciños do entorno a que se sumen á decoración deste día, no que transformamos Briz nun auténtico parque do terror”, engade a concelleira.

A concelleira cifra en 50.000 euros a inversión que o Concello fai na festa, contando cunha subvención da Deputación de Pontevedra de cerca de 25.000 euros. Esta contía destínase a pagar a todas ás entidades colaboradoras, á loxística, ás actuacións e espectáculos e á xestión do PequeSamaín, con monitorado.

programa do Samaín Briz 2025 é o seguinte:

18.30h. Apertura da finca

18.30 a 22.00h. PequeSamaín:

  • Pintacaras
  • Xogos infantís e en familia
  • Animación musical

18.30 a 21.00h. (Peche de colas)

Rutas:

  • Casa das bonecas terroríficas
  • As portas do Alén

18.30 a 22.00h. Estacións do Medo

  • Banquete de morte
  • O bosque encantado
  • Medo me dá
  • A noite do brote
  • A cova do asustador
  • A danza da lúa

Espectáculos. Dous pases: Ás 19.00 e ás 21.00h.

  • Nemeton, a orixe do Samaín
  • A queimada
  • O lobishome
  • A queima das meigas

23.00h. Fin de festa

Haberá postos de comida, ambientación musical… e moitas cousas máis.

Ten en conta:

  • A Finca é un espazo natural. Non está garantida a accesibilidade total a todas as zonas.
  • Recoméndases non acceder ás rutas con:
    • Bebés
    • Carriños
  • O Samaín Briz é gratuito. Disfruta, pásao de medo e ten paciencia.
  • O acceso ás rutas implica facer colas. No resto da finca podes disfrutar libremente.
Está pasando!