Carlos Ares | I Premios da Industria Musical de Galicia

Os I Premios da Industria Musical de Galicia elixen a Carlos Ares como Artista do Ano, a Gandy como Persoa do Ano e ao Surfing The Lérez como gañador do Premio á Excelencia na Experiencia do Público neste 2025

13 Novembro 2025

Os I Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados por AGEM co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e da Deputación da Coruña, veñen de anunciar ás persoas seleccionadas neste 2025 pola Xunta Directiva da Asociación Galega das Empresas Musicais como Artista do Ano e Persoa do Ano 2025 nesta primeira edición dos galardóns.

AGEM decidiu outorgar a Carlos Ares o Premio ao Artista do Ano 2025 pola súa traxectoria e a súa contribución á difusión da cultura galega, como un talento innegable que se consolidou no circuíto grazas á súa singular identidade artística e ao seu fermoso directo, gañando novas e novos seguidores día a día.

Mentres, na categoría de Persoa do Ano 2025, foi elixido Francisco Gómez, popularmente coñecido como Gandy, polo papel chave que desempeñou e desempeña na consolidación e o sostemento da escena musical galega.

Gandy | I Premios da Industria Musical de Galicia

Paralelamente, o público elixiu por votación popular ao Surfing The Lérez como gañador do Premio á Excelencia na Experiencia do Público neste 2025. A votación en liña finalizou o pasado luns, 10 de novembro, ás 23.59 horas e o proxecto máis votado nesta categoría aberta ás apartacións da audiencia foi esta singular cita pontevedresa, seguida en número de votos por outros queridos proxectos como Noites do Porto ou o Atlantic Pride da Coruña. Con este galardón, a Asociación Galega de Empresas Musicais quere recoñecer aqueles proxectos, espazos ou eventos que puxeron ás persoas espectadoras no centro, ofrecendo unha vivencia inesquecible.

Surfing The Lérez Festival | Jack-Jack

En palabras de Josiño Carballo, tesoureiro de AGEM, “desde a Asociación Galega das Empresas Musicais recoñecemos a Carlos Ares co galardón ao Artista do Ano nesta primeira edición dos Premios da Industria Musical de Galicia. Destacamos o seu talento, a súa traxectoria e a súa contribución á difusión do talento galego”. Carballo apuntou, tamén, que “Carlos Ares consolidouse este ano no circuíto musical grazas a súa singular identidade artística e ao seu fermoso directo. Son moitísimos os e as fans do artista que se suman día tras día e concerto tras concerto. Felicidades Carlos, noraboa!”.

Pola súa banda, Patricia Hermida, presidenta de AGEM, anunciou “que, desde a Xunta Directiva de AGEM, organizadora dos I Premios da Industria Musical de Galicia, decidimos outorgar o recoñecemento á Persoa do Ano 2025 a Francisco Gómez, popularmente coñecido como Gandy, pola súa traxectoria e o seu compromiso constante coa música en Galicia. Gandy é unha desas figuras fundamentais que, sen estar sempre diante dos focos, sostivo e sostén a estrutura do que somos como sector”.

Hermida destacou, tamén, que, “desde Copra Producciones, a súa empresa, Gandy contribuíu durante décadas a que a música suceda, que os artistas teñan escenarios, que o público viva experiencias memorables e que a cidade goce dunha vida cultural real e compartida. O seu traballo é esa labor silenciosa que constrúe comunidade: apoiar proxectos cando simplemente son unha intuición, abrir camiños, conectar persoas, crear espazos… E facelo sempre con profesionalidade, respecto, paixón é un sorriso na cara”.

A presidenta de AGEM engadiu finalmente: “Este recoñecemento ven a ser unha mostra de agradecemento colectivo pola súa constancia, pola súa visión, pola súa entrega de tantos anos e polo papel chave que desempeñou e desempeña na consolidación e o sostemento da escena musical galega. Grazas Gandy e parabéns por ser a Persoa do Ano nestes I Premios da Industria Musical de Galicia”.

Ademais destes tres galardóns hoxe anunciados, un xurado profesional integrado Anxela Baltar, música, produtora e comunicadora; Cecilia Carballido, produtora cultural; María Baqueiro, consultora de sustentabilidade; Noel Miguélez, divulgador musical; os xornalistas musicais Tito Lesende e Javier Becerra; e Fundación Paideia seleccionou un total de 42 proxectos finalistas no resto de categorías destes I Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados por AGEM: 3 por cada un dos 14 rangos xerais contemplados nos premios. A noite do xoves, 27 de novembro, daranse a coñecer os gañadores nun encontro sectorial na Sala Capitol de Santiago de Compostela, onde tamén terá lugar a entrega dos galardóns.

Está pasando!