Presentación de PonteAndadas 2026 | Concello de Pontevedra

PonteAndadas regresa con oito roteiros circulares que combinan saúde, patrimonio e sostibilidade

25 Marzo 2026

As persoas interesadas en participar deben inscribirse antes do xoves previo a cada ruta a través do correo electrónico ponteandadas@gmail.com, do teléfono 625 482 636 ou de xeito presencial na tenda Naturcamiña, situada nas Galerías Peregrina, nº3.


O Concello de Pontevedra, en colaboración con Naturgaliza, presentou este luns unha nova edición do programa PonteAndadas, unha iniciativa máis que consolidada que arrincará este mesmo próximo domingo 29 de marzo. Na rolda de prensa de presentación participaron a edil de Deportes, Anabel Gulías; o presidente de Naturgaliza, Juan Romero Ogando; e o director técnico do programa, Xabier Piñeiro Pérez.

A concelleira quixo destacar o dobre obxectivo destas andainas. Por unha banda, a finalidade é”ensinar a capacidade e a potencialidade que ten Pontevedra”, permitindo á cidadanía descubrir o rico patrimonio cultural e natural que agochan o perímetro da cidade e as súas parroquias. Pola outra, a iniciativa busca promover un estilo de vida saudable para toda a poboación, en sintonía coa transformación urbana da cidade.

O presidente de Naturgaliza, Juan Romero Ogando, explicou que a principal novidade desta edición é o concepto de “Volta a Pontevedra”. O obxectivo das rutas é cubrir todo o perímetro do municipio, saíndo en ocasións dende o centro e percorrendo as diferentes parroquias para ofrecerlle unha nova dimensión ao programa e evitar a rutina. Romero fixo un balance moi positivo das edicións anteriores, destacando que en 2025 acadáronse os 1.421 asistentes fronte aos 1.310 do ano 2024.

Ante este crecemento, a organización mantén un límite de entre 250 e 300 persoas por ruta para garantir o bo funcionamento da actividade. Ademais, destacou a alta participación feminina (un 78% do total) e lembrou que a actividade é totalmente gratuíta para as persoas en situación de desemprego.

Presentación de PonteAndadas 2026 | Concello de Pontevedra

Oito rutas circulares e solidarias

No aspecto técnico, o director Xabier Piñeiro detallou que o calendario constará de oito rutas circulares, cunha distancia de entre 10 e 14 quilómetros. O deseño circular das andainas busca facilitar o aparcamento e a loxística dos asistentes, saíndo moitas delas dende prazas céntricas da cidade orientadas cara á parroquia de destino.

A primeira andaina terá lugar este domingo 29 de marzo cara á parroquia de Lourizán, no límite co concello de Marín, un percorrido que ofrecerá grandes vistas panorámicas da ría e da cidade.

O calendario, que fará un parón durante os meses de verán, inclúe rutas por A Parda-Cabanas (10 de maio), Marcón (31 de maio), Mourente (14 de xuño), Bora-Lérez (20 de setembro), Xeve (18 de outubro) e Verducido (8 de novembro).

A última andaina celebrarase o 29 de novembro en Campañó, rozando o concello de Poio, e terá un carácter solidario, xa que os participantes poderán aportar produtos non perecedoiros para as campañas de Nadal.

Ademais da saúde e o patrimonio, Ponteandadas 2026 aposta forte polo coidado do medio ambiente. Piñeiro explicou que en cada andaina entregarase material aos participantes (luvas e bolsas) para practicar o plogging, permitindo a recollida de plásticos e lixo durante o percorrido para manter os montes limpos.

Inscricións e servizos

As persoas interesadas en participar deben inscribirse antes do xoves previo a cada ruta. A cota de participación é de 2 euros por andaina, que se poderán aboar mediante Bizum ou transferencia bancaria a Abanca.

As inscricións poden formalizarse a través do correo electrónico ponteandadas@gmail.com, do teléfono 625 482 636 ou de xeito presencial na tenda Naturcamiña, situada nas Galerías Peregrina, nº3.

A organización garante unha experiencia segura e completa, incluíndo en cada andaina servizos como coche escoba, avituallamento, seguro, atención sanitaria e un quecemento previo, que dependendo da ruta será con zumba ou marcha nórdica ás 9:30 horas.

Está pasando!