Ponteatro regresa ao Teatro Principal de Pontevedra con 4 propostas do mellor teatro galego entre o 26 de febreiro e o 26 de marzo

4 Febreiro 2026

  • Teatro do Noroeste, Moraoconto, CDG e Mariña Lestón e Producións Teatrais Excéntricas serán as compañías encargadas de emocionar ao público nesta nova tempada de teatro.
  • A proposta ‘Costa da Morte, cartografía dun naufraxio’ será accesible en lingua de signos.
  • Os abonos a un prezo de 20 euros e as entradas individuais a 8 euros (4 euros para persoas estudantes, desempregadas e maiores de 65) están xa á venda en Ataquilla.com

O concelleiro Demetrio Gómez presentou unha nova tempada do ciclo Ponteatro que contará con 4 espectáculos ente o 26 de febreiro e o 26 de marzo, os xoves ás 21:00 horas no Teatro Principal de Pontevedra. Os abonos a un prezo de 20 euros e as entradas a 8/4 euros están xa á venda en Ataquilla.com

Antes de falar do programa o edil destacou o cartel deseñando por Ovo Publicidade e “inspirado coma sempre desde hai uns anos, nunha obra de pintura clásica. (“Figura alada” de Abboult Handerson Thayer -1889. Colección Art Institute Chicago).

“Nesta tempada de inverno contaremos con 4 obras que cada vez é máis complicado escoller. Non porque non haxa pezas porque as hai e o teatro galego é fértil, senón por colmar as expectativas do público de Pontevedra que o ano pasado gustaríame lembrar esgotamos as entradas para todas as función e todas as obras triunfaron, polo que as expectativas son moi altas. Desta volta ao programar centrámonos en emocionar, provocar sensacións, convidar á reflexión. Farémolo con temáticas como a guerra, a beleza, a perda, os naufraxios da Costa da Morte e o humor”.

 ‘Guerra’ | Teatro do Noroeste

Xoves 26 de febreiro – ‘Guerra’ de Teatro do Noroeste

A guerra é a expresión cruel do fracaso total, por iso nunca é unha solución, senón o máis grande dos erros. Nun edificio teatral totalmente destruído por un bombardeo nunha guerra desatada no mesmo corazón de Europa, comezan a aparecer os personaxes do teatro universal que nel foran representados ao longo do tempo e encarnados en dous actores e catro actrices.

As innumerables referencias ás guerras no teatro europeo, desde Shakespeare até Lorca enchen a escena de evocadoras secuencias de caos e destrución.

Autoría e dirección: Eduardo Alonso. Elenco: Miguel Pernas, Luma Gómez, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez.

Duración: 100 min.

‘Tromsø’ | Morraoconto

Xoves 5 de marzo -‘Tromsø’ de Morraoconto

Cando un ser querido nos deixa, o baleiro que queda énchenos dun silencio que, ás veces, nunca conseguimos facer desaparecer. Aférrase ao corazón apagando para sempre parte da súa luz.

‘Tromsø’ é unha reflexión en clave de humor dende a perda. Sobre a vida, a morte e todo o que queda entre medias. É un canto á tristura pero tamén á esperanza.

Unha viaxe épica polos mares do norte, navegando tormentas, fiordes e enormes cardumes de arenque, na procura de respostas nun lugar onde as candorcas, co seu canto, desgarran o silencio salvaxe da aurora boreal.

Autoría: Rafa Martínez. Dirección: Rafa Martínez e Esther Latorre. Elenco: Miguel Gendre, Lara Pouso, Lidia Veiga, Julia Ammerman e Lucía Iglesias.

Duración: 80 min.

‘Costa da Morte, cartografía dun naufráxio’ | CDG e Mariña Lestón

Xoves 12 de marzo – ‘Costa da Morte, cartografía dun naufráxio’ de CDG e Mariña Lestón

Unha viaxe sobre a historia do noso mar a través de relatos reais e cantigas populares interpretadas en directo. Historias sobre naufraxios na Costa da Morte para lembrar as persoas que xa non están e para poñer en valor e visibilizar as que quedaron en terra: as viúvas, as orfas, as que socorreron… Para que as súas historias non caian no esquecemento.

Unha peza escrita, producida e interpretada por Mariña Lestón en coprodución co Centro Dramático Galego.

Accesible en Lingua de Signos

Autoría e dirección: Mariña Lestón. Elenco: Mariña Lestón e Gema Santos (intérprete de Lingua de Signos).

Duración: 50 min.

‘Os dous de sempre’ | Mofa & Befa

Xoves 26 de marzo – ‘Mofa e Befa: Os dous de sempre’ de Producións Teatrais Excéntricas

Moita xente, cando escoita “os dous de sempre”, no primeiro que pensa é en Mofa e Befa. E a Castelao non lle parece mal. O dúo cómico formado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira son parte do fecundo río do humor galego. Agora decídense a encarnar dúas personaxes de papel, concibidos por un humorista gráfico.

Os pallasos son criaturas feitas de mesturar un tolo e un neno. Para facer un bufón fai falta, ademais, o animal que todos levamos dentro. Nenos, tolos e animais compoñen o rico universo humorístico de Castelao, o seu retablo da comedia humana. Mofa e Befa vai meter todo este universo nas figuras de Pedriño e Rañolas: Os Dous de Sempre.

Autoría: Quico Cadaval e Carme Varela. Dirección: Quico Cadaval. Elenco: Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Josito Porto.

Duración: 100 min.

Está pasando!