Presentación de ‘O múltiple que ocupa o espazo’ | © Concello de Pontevedra

Pontevedra acollerá do 8 de maio ao 30 de xuño ‘O múltiple que ocupa o espazo’, unha experiencia inmersiva dirixida polo grupo de investigación dx5 da Facultade de Belas Artes

30 Abril 2024

  • A nivel expositivo este VIII Foro Internacional de creación na fronteira contará como sedes físicas co Pazo da Cultura para a mostra ‘Simbiose’, a Sala Profesor Manuel Moldes con ‘Xerminal’ e a Fundación RAC que acollerá ‘Resonancias’
  • A sección ‘Interferencias’ estará composta por diversas intervencións no espazo público e tamén están previstas intervencións a nivel dixital
  • Este proxecto global, interdisciplinar e multisede celebrará os días 9 e 10 na Casa das Campás unha serie de conferencias, baixo o título de ‘Sinerxias’
  • A exposición ubicada no Pazo da Cultura contará con visitas guiadas e 3 obradoiros familiares diferentes, todo con inscrición previa en apuntate.pontevedra.gal a partir do 2 de maio
  • Unha vez rematado o proxecto está prevista a produción dun libro que recolla esta edición do Foro e recompile as obras dos artistas, intervencions do espazo público e dixital, etc.

O concelleiro de Cultura Demetrio Gómez presentou esta mañá o proxecto interdisciplinar ‘O múltiple que ocupa o espazo. VIII Foro Internacional de creación na fronteira’ que, dirixido polo grupo de investigación dx5 da Facultade de Belas Artes, encherá diversos espazos da cidade entre o 8 de maio e o 30 de xuño. Contou coa compañía de Ana Soler (directora do grupo de investigación), Carlos Rosón en representación da Fundación RAC (como unha das múltiples sedes do evento) Ana Belén Fernández Souto como directora de Área do Campus Crea e María Gar e Alexandra R.Rey de VacioCero, encargadas da coordinación técnica.

Demetrio comezou a súa intervención avanzando que o proxecto que verá a luz próximamente ten detrás moitos meses de traballo: “hai uns meses o grupo dx5 de investigación da Facultade de Belas Artes con Ana Soler e as rapazas de VacioCero que son referencia en Pontevedra, viñeron e propuxéronnos un reto. O reto era converter Pontevedra nun gran espazo que acollese exposicións, investigación, publicacións, intervencións artísticas, etc. arredor dunha idea que a min chamoume a atención: a matriz que xera múltiples e reflexionar sobre a bidimensionalidade da gráfica que transita cara unha experiencia artística inmersiva.

O reto era complexo e aínda máis difícil era cando implicaba a colaboración entre diferentes entidades. Hoxe aquí está representada a Universidade, a Fundación RAC, o Concello de Pontevedra, o grupo de investigación… Non he doado poñer en contacto dúas institucións, pensade en todas estas…Reunir en Pontevedra artistas punteiros de nivel internacional para que puidesen entrar en contacto, o estudantado de Pontevedra e as persoas que están investigando nestes campos artísticos. Calquera desas razón e todas as múltiples que nos deron era máis que suficientes para botarse a este reto: poñer Pontevedra no mapa, demostrar que somos punteiros e facemos as cousas que facemos moi ben, dar visibilidade a este grupo de traballo que temos na cidade e que ten conexión internacionais, que temos a única Facultade de Belas Artes de Galicia, que Pontevedra préstase perfectamente para facer un evento deste tipo. Todas valen pero o que realmente nos botou para díante é o entusiasmo, a emoción que lle botan ao seu traballo. Can o un fala con elas é imposible non darse de conta de que estamos ante arte, que a arte emociona, que a creación é traballo de artistas, que busca conmovernos, impresionarnos, etc.

Ante este reto e estas emocións non quedaba máis remedio que embarcarse e o reto esta aquí: o día 8 de maio inauguramos a exposicións do Pazo da Cultura e inmediatamente vén un programa inmenso de exposicións pola cidade, de intervencións no espazo público de foro para reflexionar, de visitas guiadas e obradoiros para facer a arte accesíbel a todas e todos, para que entendamos que isto non dá medo senón que emociona, que conmociona, que conmove no mellor sentido da palabra. Convidar a todos os pontevedreses e pontevedresas a visitar os espazos expositivos e percorrer a cidade cos ollos ben abertos para atopar as intervencións que vai haber no espazo público e no virtual”.



Na súa quenda de palabra a profesora e directora do grupo de investigación dx5, Ana Soler, salientaba que “hai 20 anos que reflexionamos sobre a arte múltiple. Vimos do mundo da gráfica, do gravado, onde hai unha matriz que xera múltiples. Esa idea evolucionou cara o que chamamos a gráfica de campo expandido. Saíu da bidimensionalidade e se expande na tridimensionalidade. Levamos anos dando voltas a diferentes aspectos deste concepto de orixinal múltiple, con proxectos de investigación nacionais e internacionais que xeraron conexión con Xapón, Suecia, EE.UU. O que nos trae hoxe aquí, a este VIII Foro e como o seu propio nome indica “O múltiple que ocupa o espazo” é crear espazos de interferencia entre o múltiple e a instalación. Que pasa cando esa matriz non só xera estampa e crea elementos que invaden o espazo cara a instalación?

A docencia é unha parte do traballo público docente que facemos pero somos persoal docente investigador e cremos que temos que retornar á sociedade tamén coa investigación e a investigación en arte existe, igual que existe a investigación en arte múltiple. Neste sentido, o grupo que ten tres patas: investigación científico- técnica, a parte filosófica- conceptual e por suposto a artística- práctica e a transferencia á sociedade. Que todo o que facemos, as teses, investigacións, as preguntas e respostas que atopamos no camiño, sexan comunicadas á sociedade. Non ten sentido a arte se non hai un diálogo.

Cando concebimos este proxecto, ‘O múltiple que ocupa o espazo’ non podía ser doutro xeito que ocupando a cidade. Para min Pontevedra é como a miña casa e tiña que ser aquí. Temos moitas conexión internacionais e todo o mundo mira a Pontevedra. Que está a facer Pontevedra e o dx5? É o lugar onde o múltiple se tiña que expandir. Haberá diferentes exposicións en distintas sedes que, como dicía Demetrio, a máis grande é a do Pazo da Cultura ‘Simbiose’, tamén na Sala Universitaria Manuel Moldes ‘Xerminal’ dependente do Campus Crea de Pontevedra e a Fundación RAC ‘Resonancias’, que cedeu parte da súa colección para potenciar a idea. E tamén diferentes espazos públicos da cidade que veresdes por aí. Con ‘Interferencias’ queremos sacar a arte á rúa e tamén haberá intervencións en xornais, valados publicitarios, sinais de tráfico e redes sociais. Queremos invadir o espazo pero non só o espazo público e privado, senón o dixital.

Por outra banda, convidamos a investigadores e artistas, de diferentes universidade a un foro teórico que terá lugar os días 9 e 10 na Casa das Campás para falar temas como o consumo da obra de arte, a parte máis tecnolóxica. Os datos como fonte de creación, etc.

A sala Manuel Moldes, a da nosa casa, da Facultade, contará cos traballos de artistas seleccionados mediante a convocatoria ‘Xerminal’ para premiar os mellores proxectos de toda España, de xente nova, universitaria, facendo o doctorado, etc. Presentáronse un bo número de persoas e fixemos unha selección moi interesante.

A expo do Pazo foi por invitación, tivo a súa complexidade de España, Portugal con recollida das obras e todo o que implica unha exposición tan mixta.. Ides atopar artistas como Victor Solanas, Maider López, Esther Pizarro, Inma Famenia, Soliman, Juan Moro, Rita de Sousa. Convido a que vaiades o día 8 á inauguración e vai estar ata o 30 de xuño así que hai marxe para visitar todas as sedes. O día 8 inauguramos o Pazo, o 9 ao mediodía a da Sala Manuel Moldes e pola tarde a Fundación RAC e o venres haberá unha xira polo espazo público para ver as intervencións.

Ao peche, Demetrio quixo lembrar as actividades destinadas a dinamización da mostra ‘Simbiose’ Pazo da Cultura que estará a disposición do público para inscribirse a partir do día 2 de maio na plataforma apuntate.pontevedra.gal

Visitas guiadas:

  • Horario de visitas entre semana: xoves 16 e 30 de maio // xoves 13 e 27 de xuño ás 18:30h.
  • Horario de fin de semana: 19 e 25 de maio // 2, 8, 16, 22 e 30 de xuño, ás 12:00h.
  • Horario de apertura de Sala de Exposicións do Pazo para visita libre: de martes a venres de 18:00 a 21:00h.
  • Sábados de 12:00 a 14:00h. e de 18:00 a 21:00h. Domingos e festivos de 12:00 a 14:00h. Luns, pechada.

Obradoiros para público familiar con rapazada a partir de 7 anos:

  • “O obxecto múltiple”. 24 e 25 de maio, de 18:00 a 20:00h.
  • “Mapas corporais”. 15 de xuño, de 18:00 a 20:00h.
  • “Expandindo a gráfica”. 29 de xuño, de 18:00 a 20:00h.

Programación de ‘O múltiple que ocupa o espazo’

Está pasando!