Naone, unha das artistas internacionais do Senda Festival 2025

Pontevedra gozará de tres días das vertentes máis vangardistas da música electrónica co Festival Senda

3 Xullo 2025

A Illa das Esculturas acolle este ciclo musical, que ve medrar a súa duración até os tres días, marcando no calendario do 4 ao 6 de xullo como xornadas imperdíbeis


O Festival Senda presenta esta fin de semana en Pontevedra tres días de programación adicados ás vertentes mais vangardistas da música electrónica. Ao longo dos días 4, 5 e 6 de xullo, a Illa das Esculturas será un escenario privilexiado dun festival que amplía a súa duración e continúa a medrar

Tal e como indican desde a súa organización, comandada por José González ‘Certain People’, un dos picadiscos consagrados na Boa Vila, o Senda prosegue o seu camiño, «sen mudar os seus valores fundacionais: identidade, comunidade, diversidade, cultura e natureza, nun entorno amable, mantendo un formato de evento sostible e íntimo».

Para esta cuarta edición, a cita musical presenta unha sólida programación que combinará o mellor do talento local, estatal e internacional ao redor da música electrónica e de clube. Diversas sensibilidades melódicas, que poñen o foco en artistas emerxentes e outros de maior traxectoria. Os que están escribindo o presente da electrónica de baile e os que están chamados a facelo nun futuro inminente.

Un conxunto de artistas diverso e con personalidade de seu Naone, nada en Seúl, presenta un son fondamente influído polas xoias atemporais dos anos 90 e2000. Dirixe o selo down2earth xunto ao seu compañeiro Denial, outro dos convidados internacionais desta edición. Denial aposta polos ritmos psicodélicos e bailables, sen encaixarse de máis nun só xénero.

O norteamericano Liquid Earth propón un house bañado polo sol californiano da súa cidade natal, mesturado coa contundencia europea, cunha produción rica en baixos profundos e texturas analóxicas.

Aedis é un produtor orixinario de Barcelona e actualmente afincado en Ámsterdam, cunha proposta de música de baile introspectiva, de carácter ecléctico e hipnótico.

Entre os artistas estatais, destacan Javi Redondo, unha das figuras clave da electrónica española. Distínguese pola súa capacidade para mesturar rarezas downtempo cunha fusión libre de sons, beats e xéneros, o que o levou a actuar en cabinas lendarias de todo o mundo.

Glossy Mario | Senda Festival

Glossy Mario é un deses selectores que non se conforma co obvio. Digger por conta propia e fundador do selo Glossy Mistakes, forma parte das novas xeracións de artistas que están a transformar a escena underground estatal.

Gala, metade do dúo Systema, con base en Madrid, leva xa cinco anos facendo bailar corpos e reseteando cabezas na escena estatal. En solitario, constrúe os seus sets arredor dos sons que a fan perderse na pista: grooves sólidos mesturados con e puro material para bailar.

En formato b2 b preséntanse Margott e Emi Koto, DJ’s e selectoras afincadas en Madrid. Cando se atopan na cabina, acontece sempre algo especial. Margott vive a música como unha forma de terapia. Emi Koto asina un house con alma e precisión, onde a enerxía se mestura coa sutileza. Xuntas, crean unha conversa sutil e poderosa entre dúas artistas que entenden a música como unha linguaxe emocional e colectiva.

Spacer | Senda Festival

A catalá Spacer é un referente do underground barcelonés, e a súa obsesión son os sons sintéticos. A súa arte escapa das etiquetas e dos xéneros, e crea atmosferas envolventes, guiando á audiencia nunha viaxe sonora tan introspectiva como eufórica.

Entre xs artistas galegxs, destacar a DJ Swisherman, produtor e DJ consolidado como unha figura emerxente na escena electrónica internacional, con presencia en cabinas de todo o mundo.

Tamén resoa con forza a proposta en b2b dos locais Arque e Cris Sinaka. Ambos representan o encontro entre o xogo e a exploración sonora. El, DJ e produtor cun pé no house e nos ritmos progresivos, ela unha selectora que entende a pista como un terreo de xogo onde pode pasar calquera cousa.

45:33 RPM é un DJ, selector e amante do vinilo afincado en Pontevedra, membro activo do colectivo PalmcoRadio. Xunto a el, o tamén pontevedrés Penela.

Certain People | Senda Festival

E, como non, Certain People, programador e organizador de Senda, que suma máis de 25 anos marcando o pulso da escena. Selector con amplo bagaxe e carisma único, é un dos artistas máis activos do circuíto galego e pinchou nos principais clubs do territorio nacional , xunto a actuacións en diversos festivais internacionais. Nesta ocasión, actuará conxuntamente co DJ afincado en Coruña Pablo Ruiz Galán.

Jam de sintetizadores con LDM Synth Community (Local de Música)

O Local de Música de Pontevedra é moito máis ca un espazo de ensaio: é un viveiro de talento mozo e un laboratorio de creación. Entre os seus proxectos está LDM Synth Community, unha comunidade de aprendizaxe en torno á música electrónica feita con máquinas, que transforma a experimentación sonora nun punto de encontro.

Senda Festival abre así as portas á mocidade creadora, no seu compromiso de ser un proxecto situado en diálogo coa contorna, conectado co territorio e coas persoas que o habitan. Chegan cunha Jam de Sintetizadores: improvisación colectiva con hardware analóxico, dixital e modular. Só equipos conectados, texturas en construción e paisaxes sonoras que nacen e morren no momento.

Senda está organizado polo Concello de Pontevedra coa produción de Certain Music Events, amosándose como un dos ciclos principais do programa das Festas do Verán 2025.

O escenario e demais servizos ao redor da cita estarán situados na mesma zona que acolle o festival Surfing the Lérez.

Está pasando!