Presentación de Ponte Verán 2025 | Concello de Pontevedra

Ponteverán achega 18 propostas de ocio para rapazada e mocidade con idades comprendidas entre os 4 e os 25 anos

26 Maio 2025

  • A edición 2025 ofertará máis de 600 prazas entre campamentos urbanos, obradoiros culturais e artísticos e actividades de natureza, deporte e aire libre.
  • Terán lugar entre o 30 de xuño e o 31 de agosto, e o prazo para achegar solicitudes estará activo na plataforma apuntate.pontevedra.gal a partir do vindeiro luns 2 de xuño.

O edil de Xuventude, Demetrio Gómez, presentou esta mañá unha nova edición do programa Ponteverán, que achega cada ano unha morea de propostas de ocio alternativo destinadas a cativada e mocidade. “Presentamos hoxe Ponteverán, que vén cheo de propostas, con 87 xornadas de actividade para 63 días de verán, os que hai entre o 30 de xuño e o 31 de agosto. Serán 18 propostas diferentes en 20 quendas, todas de balde e todas para pontevedreses e pontevedresas de entre 4 e 25 anos”.

“Prestaríanos destacar que todas as actividades precisan de inscrición previa, a partir do 2 de xuño en apuntate.pontevedra.gal teremos os formularios de inscrición.

A información está en xuventude.pontevedra.gal ou na oficina de Xuventude polas mañás na Casa da Luz e no 986 840 367 no mesmo horario, de 9.00 a 14.00 h.

O ano pasado ocupamos o 97% das prazas ofertadas e nun 62% delas houbo que facer sorteo por mor da alta demanda e das listaxes de agarda. Son sorteos que procuran, sobre todo cos campamentos, que cada neno e cada nena de Pontevedra que se apunte asista a un. Ninguén terá a sorte de asistir a dous, porque unha vez que che toca un, excluímoste das outras listas. Priorizamosas nenas e nenos empadroados en Pontevedra fronte aos doutros concellos, que só poderán asistir no caso de prazas vacantes”.

O edil subliñou que hai actividades para a rapazada dos 4 aos 25 anos, aínda que “a maior parte están destinadas á cativada ou aos adolescentes máis novos. Son actividades de diferentes tipos: haberá 6 campamentos desde ‘O regreso á Prehistoria’ en Salcedo ao ‘Ecoexplorando’ de Monte Porreiro e outros centrados na cociña, na botánica, no teatro. Haberá actividades ao aire libre, informática na Casa Azul, actividades no Local de Música, na rúa, do Ano Castelao como a busca de pistas en Salcedo ‘Tras os pasos de Castelao’ ou o ‘Teatreirxs, edición Castelao’. Tamén unha actividade moi interesante no Pazo da Cultura para facer un mural nos almacéns onde se leva a cabo RockLab e que quede un espazo moito máis agradable para o uso da mocidade de Pontevedra”.

Está pasando!