Os presentadores da gala dos Feroz 2026 | Concello de Pontevedra

Por segundo ano consecutivo, a gala dos Premios Feroz converterá Pontevedra na capital do audiovisual

22 Xaneiro 2026

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou a derradeira rolda de prensa previa á gala do sábado, acompañado pola presidenta da AICE, María Guerra; os presentadores da cita Antonio Durán Morris, Samantha Hudson, Elisabet Casanovas e Petra Martínez; e o deputado provincial, Jorge Cubela


O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, abriu esta mañá a derradeira rolda de prensa en relación coa gala dos Premios Feroz, que volverá á cidade por segundo ano consecutivo e que será presentada por Samantha Hudson, Petra Martínez, Elisabet Casanovas e Antonio Durán ‘Morris’.

O rexedor amosouse “encantado” de acoller novamente o evento e destacou a sintonía coa organización, chegando a cualificar á presidenta da Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE), María Guerra, como “unha pontevedresa máis”, logo de dous anos de intensa colaboración.

Presentadores e organizadores da gala dos Feroz 2026 | Concello de Pontevedra

Durante a súa intervención inicial, Lores subliñou que a celebración deste evento non é froito do azar, senón que sinalou a súa relación coa consolidación do modelo de cidade: “Non ocorren en Pontevedra as cousas por casualidade. Hai moitos anos que nós apostamos por unha cidade pensada para as persoas, dinámica, activa…”. O rexedor convidou á cidadanía a gozar do que definiu como unha fin de semana de “festa” na que Pontevedra exercerá de “capital do audiovisual”.

Trala benvida do alcalde, María Guerra ofreceu os datos clave do evento, destacando o impacto económico na cidade: a gala creou 50 empregos directos, 350 indirectos e contou coa colaboración de 20 empresas de Pontevedra e do resto de Galicia.

Pola súa banda, Antonio Durán ‘Morris’ puxo en valor o peso da industria local: “A periferia cada vez pinta máis, grazas a Deus, no panorama audiovisual español”, afirmou, agradecendo ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, por ser un “digno representante dunha cidade que pode representar a Galicia”.

O acto contou tamén coa intervención do deputado provincial de Cultura, Jorge Cubela, quen pechou a quenda de palabra institucional ratificando o apoio da Deputación de Pontevedra, destacando a importancia da colaboración entre institucións para que cidades como Pontevedra, fóra das grandes capitais estatais, poidan albergar eventos desta magnitude que atraen turismo e riqueza.

Está pasando!