Redondela acolle a mostra ‘HeART of Gaza’, un intercambio creativo coa infancia gazatí

9 Decembro 2025

  • A exposición recolle debuxos e pinturas de nenos e nenas de Gaza que plasman a súa experiencia durante o xenocidio e reflicten as súas emocións, medos, esperanzas e desexos.
  • O Colectivo Propalestino de Redondela e o Concello convidan aos centros de ensino e ás familias a visitar esta mostra que xa percorreu 90 cidades de todo o mundo.
  • O proxecto convida a nenos, nenas e adolescentes de Redondela a participar nun intercambio creativo co seu propio debuxo en resposta ás obras expostas.
  • Todos os traballos entregados no Multiúsos serán escaneados e enviados a Gaza para ser compartidos cos nenos e nenas de ‘HeART of Gaza’.

O Multiúsos da Xunqueira acolle desde o 10 de decembro ata o 10 de xaneiro a exposición ‘HeART of Gaza’. A mostra está organizada polo Colectivo ProPalestino de Redondela, en colaboración co Concello de Redondela e xa percorreu preto de 90 cidades de todo o mundo.

Esta exposición recolle debuxos e pinturas realizados por nenos e nenas de entre 3 e 17 anos que viven en Gaza. A través da arte a rapazada plasma a súa experiencia durante o xenocidio e expresa as súas emocións, medos, esperanzas e desexos “e reflicten realidades que ningún neno ou nena debería vivir”, explica Mercedes Santos, do Colectivo Propalestino.

Unha visita a esta mostra permitirá tanto a mocidade como aos adultos “reflexionar” sobre a situación que se viven en Palestina e a non “naturalizar” a vulneración de dereitos, especialmente da infancia.

A exposición foi fundada por Mohammed Timraz (Deir Al Balah, Gaza) e Feile Butler (Sligo, Irlanda) en 2024 e, dende entón, viaxou por case 90 cidades de dous continentes.

Os organizadores e o Concello convidan aos centros educativos a visitar co alumnado esta mostra antes das vacacións de Nadal, e animan tamén ás familias a achegarse á exposición “onde de seguro van vivir unha experiencia significativa”.

Esta exposición pode dar pé a conversas “sobre xustiza, protección e dignidade, e tamén sobre a responsabilidade colectiva de construír un mundo onde o horror non se normalice”.

A alcaldesa, Digna Rivas, fai un chamamento á veciñanza de todas as idades para que se acheguen á exposición ao longo deste mes que estará aberta ao público. “Nestas datas non podemos esquecer o sufrimento e a inxustiza que sufre o pobo gazatí, especialmente a infancia que ve sistematicamente vulnerados os seus dereitos”, sinala Rivas.

Participa no intercambio creativo

A mostra ‘HeART of Gaza’ invita a nenos, nenas e adolescentes a crear o seu propio debuxo ou pintura arte en resposta ás obras expostas. Todos os traballos entregados serán escaneados e enviados a Gaza para ser compartidos cos nenos e nenas do proxecto.

A primeira exposición deste programa, ‘Arte do Exterior’, realizouse en Deir Al Balah, en outubro do 2024, con traballos chegados desde Chicago.

Ao colectivo redondelán gustaríalle continuar fomentando intercambios creativos con escolas e grupos de mocidade. No Multiúsos da Xunqueira haberá un espazo para recoller os traballos da rapazada que queira participar.

As obras deben ir acompañadas dos seguintes datos: nome do artista, lugar de residencia, e centro educativo se o desexa, ademais dun pequeno espazo para un comentario sobre a obra.

Está pasando!