Presentación da XII Batalla de Rande | Concello de Redondela

Redondela revive un ano máis a Batalla de Rande, unha das batallas navais máis emblemáticas da historia de Galicia

6 Outubro 2025

  • A XII Conmemoración da Batalla de Rande celebrarase os días 11 de outubro na vila de Redondela cun desfile e o 18 e 19 na contorna do museo Meirande
  • A cita, que recrea a batalla naval de 1702, contará cun mercado tradicional, obradoiros de oficios antigos, concentración de embarcacións tradicionais e recreacións teatrais

Un ano máis Rande revive unha das batallas navais máis importantes da historia, a que enfrontou en 1702 as tropas angloholandesas e hispanofrancesas na ría de Vigo. A XII Conmemoración da Batalla de Rande celebrarase os días 11 de outubro na vila de Redondela e o 18 e 19 en Rande.

O exterior do Museo Meirande acolleu a presentación desta festa, que une cultura, historia e tradición. O presidente da asociación, Pedro Otero, presentou o acto no que participaron Carmen Pita, directora de Promoción de la Axencia de Turismo de Galicia, Jorge Cubela, responsable de Cultura na Deputación de Pontevedra, a alcaldesa Digna Rivas, e a concelleira de Cultura Rita Pérez Táboas.

Presentación da XII Batalla de Rande | Concello de Redondela

Como alcaldesa e como veciña da parroquia, Rivas, agradeceu “o gran traballo da ACD Rande, que ao longo de todo o ano prepara esta conmemoración xunto coa veciñanza e persoas voluntarias”. Rivas salientou tamén da “excelente posta en escena” da directora teatral Mónica Sueiro, que un ano máis se encarga das representacións con actores profesionais e unha vintena de veciños e veciñas afeccionados.

A rexedora local lembrou que este episodio histórico fixo da nosa ría un lugar coñecido no mundo enteiro, “que lembra a forza, a resistencia e a identidade da xente desta terra”. Esta festa é unha das representacións históricas máis importantes do sur da provincia.

O sábado 11 de outubro celebrarase o desfile polas rúas do centro da vila ás 18.30 da tarde, que rematará na praza da Torre.

O sábado 18 haberá actividades ao longo de todo o día na contorna do museo Meirande con mercado tradicional, obradoiros de oficios como olaría ou acuñado de moedas, concentración de embarcacións tradicionais e representacións teatrais.

Sueiro explicou que haberá “petiscos teatrais” fieis á historia da batalla de Rande e que recrearán tamén escenas cotiás da época. O domingo 19, tamén na contorna do Meirande, repetirase o mercado, os obradoiros e as representacións teatrais, coa última función ás 13.30 horas.

A alcaldesa convidou a toda a xente de Redondela e bisbarra a achegarse a esta celebración, á que o Concello destina este ano unha subvención de 22.000 “o que constata o compromiso do Concello con Rande, coa súa historia e a súa xente”.

Está pasando!