Sanxenxo escoitará o testemuño de 4 vítimas de violencia de xénero e inaugurará un mural colectivo o 25N

19 Novembro 2025

Os edificios municipais iluminaranse todo o mes de cor morada polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller


O Concello de Sanxenxo dará voz a catro mulleres do municipio que sofren malos tratos no Día Internacional da Violencia contra a Muller. Será nun acto aberto ao público organizado pola Concellería de Servizos Sociais, dirixida por Paz Lago, a través do CIM, que terá lugar o próximo 25 de novembro ás 19 horas no pavillón de Nantes. “Queremos seguir sensibilizando e visibilizando un problema que existe e ao que non podemos ser alleos nin inmunes”, asegura Lago.

Froito do convenio asinado entre o Concello e a Subdelegación do Goberno, inaugurarase un mural creado polo alumnado do Máster de Dirección de Arte Publicitaria da Universidade de Vigo baixo o lema “A violencia de xénero é universal e a resposta tamén o é”.

Durante o mes de outubro, a artista local Ana Cancela dirixiu esta acción, coas ANPAS municipais e as Asociacións de Mujeres Rurais. A pintura mostra dunha forma simbólica a repulsa á violencia de xénero, mostrándose exposto neste pavillón por onde pasan distintos públicos ao longo do ano.

A continuación, a experta en igualdade e xénero, Sara Uris, será a encargada de conducir un relatorio que terá como fío condutor a análise da violencia de xénero, que se abordará dunha forma directa, mesturado co testemuño real de vítimas de violencia de xénero de distintos perfís persoais do municipio.

Trátase de mostrar que este tipo de violencia existe e segue existindo e sobre todo pode suceder a calquera muller. Non existe un perfil de personalidade único para as mulleres que o sofren.

Doutra banda, os edificios e espazos públicos municipais iluminaranse todo o mes de cor morada polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Está pasando!