Sheila Patricia publica o 2 de outubro o sinxelo ‘A Xeitosa’, adianto do seu derradeiro disco antes da pausa nos escenarios

29 Setembro 2025

O tema, dispoñible en todas as plataformas dixitais a partir das 00:00 horas do xoves 2, contará cun videoclip dirixido pola propia artista no que se mostra entre a sensualidade do baile e a forza da maternidade


O vindeiro xoves 2 de outubro, Sheila Patricia lanzará o seu novo sinxelo ‘A Xeitosa’, dispoñible en todas as plataformas dixitais a partir das 00:00 horas. Trátase do primeiro adianto do seu derradeiro disco antes da pausa musical recentemente anunciada para 2026.

O tema chega acompañado dun videoclip dirixido pola propia artista no que se mostra entre a sensualidade do baile e a forza da maternidade. A mensaxe central é clara: a experiencia feminina está feita de capas múltiples, ás veces contraditorias, que se combinan e se reforzan entre si.

As imaxes de Sheila Patricia bailando con liberdade e sensualidade conviven co momento íntimo de amamantar á súa filla recén nacida. Lonxe de excluírse, estas dúas dimensións complétanse, amosando unha visión crúa e poderosa da muller contemporánea.

A produción musical, potente e rítmica, bebe dos ritmos latinos tan presentes na bagaxe da artista, desde o candombe uruguaio ata a salsa cubana, con instrumentación en vivo e apenas presenza de música electrónica.

Este adianto anticipa un disco que transmitirá a esencia da artista: unha mestura de electrónica e música acústica, raíz e modernidade, voz núa e ornamentación musical. Un selo que acompaña a Sheila Patricia desde que en 2018 presentara os primeiros tintes desta mestizaxe, hoxe xa recoñecida no panorama das músicas do mundo.

Producido entre Galiza e Arxentina, o traballo volve poñer en valor as raíces da artista, remarcando o seu amor pola conexión coa diáspora galega, coas historias de quen emigrou e regresou traendo consigo os sons e sabores do outro lado do océano.

SHEILA PATRICIA

Sheila Patricia é unha artista, cantante e compositora galega que fusiona ritmos actuais desde a raíz cunha forte mensaxe de empoderamento feminino.

A través da creación e improvisación en vivo, os seus concertos inspiran ás mulleres a conectar coa súa deusa interior e recoñecer o seu poder creador. O seu proxecto non é só unha proposta artística, senón tamén unha filosofía: a música como canle de transformación persoal e colectiva.

Está pasando!