Rosana Comesaña e Manu Lourenzo presentan a programación do Samaín 2025 | Concello de Soutomaior

Soutomaior prepárase para celebrar por todo o alto o seu Samaín con diferentes actividades para todos os públicos

14 Outubro 2025

A noite das ánimas co espectáculo “Subumdra” de Troula animación, os escape room para público infantil e adulto e a Maratón de cine de terror serán algúns dos pratos fortes do Samaín de Soutomaior


O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a concelleira de Promoción Económica, Hostalería e Comercio, Rosana Comesaña, presentaron nesta xornada o Samaín de Soutomaior, unha data que se celebrará do 26 de outubro ao 2 de novembro con diferentes actividades para todos os públicos.

A celebración desta festa comezará o 26 de outubro cun obradoiro de cabazas na Finca Cafexo-Massó, unha cita para a cal se precisa inscrición previa e que está destinada para toda a familia.

O xoves 30 de outubro chegará unha nova edición de Noctámbulas, unha edición de especial de Samaín con acampada. Unha cita destinada á mocidade a partir do 12 anos e que terá lugar na Casa da Cultura Rexina Míguez Noval ( Soutomaior).

Durante esta actividade van a celebrar cun gran xogo de probas físicas, de lóxica, creativas, de enxeño e en equipo para completar o calendario Celta no que non van faltar os espíritus, as pantasmas, os calacús e moitas outras sorpresas….

Unha cita que inclúe pernocta con almorzo. Material necesario: levar a cea, saco de durmir e esterilla e últiles persoais para pasar a noite. Unha actividade de balde para a que se precisa inscrición previa en liña.

O día grande da celebración será o venres, 31 de outubro, cunha festa á que dende o Goberno Local animan a participar a todas e todos os veciños coa caracterización dunha personaxe típica desta época do ano.

O venres a actividade comezará ás 17:45 na Praza de Cima de Vila onde haberá un obradoiro de lanternas araña e maquillaxe. Unha actividade creativa e divertida na que elaborar lanternas que logo poderás usar para participar no gran pasarrúas e onde tamén terás a oportunidade de maquillarte cunha estética de medo.

Xa ás 19:00h. dará comezo nesa mesma praza a Noite de Ánimas, coa animación a cargo Troula Animación e o seu espectáculo “Subumdra” que consistirá nun pasarrúas que se iniciará no cruce de Praza de Cima de Vila percorrerá a avenida Xosé Solla para rematar en Talo Río.

A escurdidade e os seres descoñecidos guiarannos neste percorrido que será moi participativo, dende o concello convidar aos asistentes á que porten cirios, velas, cabazas talladas alumeadas, e que todas e todos vaian coa vestimenta propia para a ocasión… Trátase dunha cita para todas as idades.

Coa chegada deste pasarrúas a Talo Río continuará a festa neste punto a partir das 20:30 co tren asador de castañas con degustación de balde.

En Talo Río tamén haberá sitio para ambientación interactiva A Casa da Escuridade, un espazo que nos fará partícipes doutras experiencias nas que non faltarán os conxuros, meigallos e moitas sorpresas.
E nesta festa non faltará a música, co espectáculo “Esqueletes bailade”.

Xa na xornada do sábado 1 de novembro aterrará no Multiúsos de Arcade o Escape Room Especial Samaín. Aldea Labrega. Unha trepidante historia chea de retos nos que terán que decidir o futuro da aldea.

Haberá 2 salas para este escape room unha para nenas e nenos de 3 a 7 anos e outra para nenas e nenos a partir de 8 anos. Con todo serán un total de 5 pases en cada sala (17:00, 17:30, 18:00, 18:30 e 19:00). Para este escape room precísase inscrición previa.

O sábado, 1 de novembro, tamén aterrará no Multiúsos, a partir das 20:00 h., o Maratón de Cinema de Terror, coa proxección de “Cazafantasmas: imperio helado” e de “El Resplandor” e con flocos de millo de balde nos descansos de cada película.

Xa na xornada do domingo 2 de novembro a Finca Cafexo – Massó acollerá o espace room “Quen te cu ten medo”. Unha cita destinada a público adulto, para maiores de 14 anos, que será de balde e que contará cun único pase ás 18:30h. Para este escape room tamén se precisa inscrición previa.

As historias sucederanse a medida que imos percorrendo o espazo e atopándonos con persoaxes que nos van facer pasar unha tarde de medo e diversión!

Todas as actividades que precisa inscrición previa as e os interesados deberán de inscribirse en liña dende este venres, 17 de outubro, ás 9:30h. en soutomaior.gal/actividades/

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo anima a todo o mundo a participar neste data tan nosa, “trátase dunha celebración tradicional, agardo que as veciñas e veciños se animen a vivir esta tarde-noite máxica, misteriosa e apaixoante que lles temos preparados dende o concello”.

Está pasando!