Presentación do programa ‘Fedellando’ | Concello de Soutomaior

Soutomaior presenta ‘Fedellando’, o seu programa de actividades artísticas e artesanais  

1 Decembro 2025

  • Este programa contará cunha actividade mensual dende decembro deste 2025 ata novembro do 2026.
  • O obxectivo é promover o benestar e a calidade de vida mediante o traballo manual en saúde mental.
  • O primeiro obradoiro será de empaquetado agasallos e celebrarase o 18 de decembro.

O Concello de Soutomaior, a través da Concellería de Igualdade, presenta ‘Fedellando’, actividades artísticas e artesanais. Un novo programa que deron a coñecer a concelleira de Igualdade e de Benestar Social, Rosana Martínez Boullosa, e a concelleira de Asociacións, Charo Bouzón.

O obxectivo deste programa é promover o benestar e a calidade de vida, reducindo o estrés, a ansiedade e a depresión, mellorando a autoestima e a concentración, e desenvolvendo as habilidades cognitivas, emocionais e motrices mediante o traballo manual en saúde mental.

Tal e como dixo nesta xornada a concelleira de Igualdade “a actividade manual permite desconectar das preocupacións, desenvolver a creatividade e fomenta a interacción social, actuando como terapia ocupacional beneficiosa para persoas de todas as idades”.

Un programa que comezará en decembro de 2025 co obradoiro de empaquetado de agasallos, en xaneiro tocarálle o turno a decora a túa cerámica, en febreiro cartonaxe, en marzo parche da memoria, en abril encadernación, en maio cosmética natural, en xuño obradoiro de limpeza ecolóxica, en setembro elaboración de conservas, en outubro decoupage e en novembro pechará esta primeira edición de ‘Fedellando’ co obradoiro deixa a túa pegada.

Todas estes obradoiros serán de balde, ata completar o aforo xa que contará con prazas limitadas.

A inscrición previa en liña, abrirase a comezos de cada mes en soutomaior.gal/actividades

Tal e como indicaron dende o CIM de Soutomaior os beneficios do traballo manual para a saúde mental son moitos entre os que se atopan: reducir o estrés e a ansiedade, mellora da concentración e da memoria, fomentar a creatividade e do inxeño, aumento da autoestima, desenvolvemento de habilidades motrices e cognitivas, o fomento da interacción social, e a xestión do tempo libre.

O primeiro destes obradoiros será o de empaquetado de agasallos, terá lugar o 18 de decembro e as inscricións estarán abertas do 2 de decembro ás 9:30h ata o 9 de decembro ás 14:30h.

Está pasando!