Todo listo en Soutomaior para a celebración da III San Silvestre, unha carreira solidaria, inclusiva e adaptada que se celebrará o sábado 27 de decembro  

11 Decembro 2025

  • Unha cita, integrada dentro da programación de ‘Vive o Nadal en Soutomaior’, que xa ten aberto o seu prazo de inscrición ata o 21 de decembro.
  • A recollida de dorsais pódese realizar a partir do 22 de decembro no pavillón da Montesiña.
  • Unha carreira solidaria, inclusiva e adaptada para persoas con discapacidade e diversidade funcional.

A 3ª edición da San Silvestre de Soutomaior xa está en marcha. As inscricións, de balde, abriron nesta semana e estarán abertas ata o 21 decembro en soutomaior.gal

Trátase dunha cita, que forma parte da programación de ‘Vivir o Nadal en Soutomaior’, e que está destinada a todos os membros da familia, na que poden participar todas as persoas maiores de 14 anos, e os menores de 14 anos deben ir acompañados/as dunha persoa adulta responsable durante todo o percorrido.

As persoas inscritas deberán de recoller o seu dorsal o luns 22, martes 23 e venres 27 no Pavillón da Montesiña, en horario de 16:30 a 21:30 horas. Tamén se poden recoller os dorsais o día da Carreira entre as 15:00 e as 16:00 horas.

Os dorsais que non se recollan quedarán dispoñibles para aquelas persoas que non fixeran a inscrición previamente (só entre as 16:00 e as 16:30 horas). Importante sinalar tamén que as e os máis peques poderán facer a carreira na súa silliña sendo levados pola súa nai/pai durante a carreira.

Unha carreira solidaria, inclusiva e adaptada

Solidaria porque se recollerán alimentos non perecedoiros o mesmo día da proba que logo se destinarán ás persoas máis vulnerables, repartidos por Cáritas Arcade e de Soutomaior.

Inclusiva porque responde á oportunidade de participación conxunta de persoas con e sen discapacidade, adaptándose ás posibilidades de cada persoa. O percorrido realizarase co acompañamento de persoas familiares ou amigas ou persoas voluntarias, de ser o caso. Á hora da inscrición será necesario cumprimentar o apartado de necesidades especiais e a entidade organizadora porase en contacto coa persoa.

Adaptada porque adecuarase a proba a cada persoa con necesidades. Desta maneira, a persoa participante con diversidade funcional poderá realizar un percorrido especial de aproximadamente 180 metros. Haberá outras medidas de apoio como unha cadeira adaptada, prestada pola Deputación de Pontevedra. Deberase consultar na Casa do Concello ou Pavillón da Montesiña polas medidas específicas para este proba no marco do programa ‘Soutomaior Inclusivo’.

A distancia da carreira xeral de 2km, aproximadamente, nun circuíto urbano por asfalto pechado ao tráfico, o circuíto será o seguinte: Alameda de Talo Río – Rosalía de Castro – Xosé Solla – Rúa Calvario – Cruceiro Calvario- Rúa Lameiriñas – Rúa do Velero – Rúa Barroncas – Rúa Rosalía de Castro – Talo Río.

O percorrido adaptado, para persoas con diversidade funcional será de 180 metros e percorrerá Talo Río – Rosalía de Castro – Cruce Xosé Solla – Rúa Rosalía de Castro – Talo Río.

Será unha carreira onde non haberá́ clasificación de chegada, agás os tres primeiros homes e as tres primeiras mulleres que terán o seu premio vencellado co mundo do deporte, tamén haberá 2 premio ao mellores disfraces infantís, ata os 10 anos, 2 premio ao mellor disfrace xuvenil, de 11 a 17 anos, 2 premios a mellor disfrace de persoas adultas e 2 premio ao mellor disfrace colectivo.

Actividades complementarias

Na xornada do 27 de decembro haberá actividades abertas a todo o público que queira practicar divertirse ou quentar, na Alameda de Talo Río, sen ter que inscribirse.

O obxectivo é animar e dar ambiente e preparase para correr. Para isto, ás 16:30 horas terán lugar exercicios de quecemento, ás 17:00 horas será o inicio da carreira, ás 17:45 horas comezará a Masterclass Zumba, ás 18:15 horas terá lugar a entrega agasallos e ás 19:00 horas chegará a diversión e a música a cargo de DJ Sanse.

‘Vivir o Nadal en Soutomaior’

A vindeira cita deste programa será este venres, 12 de decembro, coa charla coloquio con Lidia Mariño ‘As tradicións galegas de Nadal’ ás 20:00 horas no Multiúsos (entrada de balde ata completar o aforo), o sábado 13 chegará o I Encontro Inclusivo neste Nadal de Soutomaior e o domingo 14 o II Mercado de Oportunidades e de Segunda Man.

Dende o Concello convidan a todo o mundo a ‘Vivir o Nadal en Soutomaior’.

Está pasando!