
Todo listo para o comezo da 22ª edición do festival SonRías Baixas
29 Xullo 2025
- A partir deste xoves 31 de xullo a localidade de Bueu acolle unha das citas musicais ineludibles da tempada estival e musical da Península do Morrazo
- O corazón das Rías Baixas encherase durante catro xornadas completas da mellor música, indo da man a proposta artística co atractivo da gastronomía local e as infinitas posibilidades de turismo de mar e montaña que ofrece a contorna
- Dani Fernández, Judeline, La Raíz ou Carolina Durante son algúns dos grandes nomes que encabezan esta edición, mostra un ano máis da aposta do festival por ofrecer un evento que albergue artistas de todos os estilos e xéneros, interxeracional, e reflexo da nosa ecléctica escena musical

Esta mañá o Festival SonRías Baixas presentou en rolda de prensa e desde o recinto de As Lagoas, en Bueu, a programación para a súa vixésimo segunda edición.
Ampliándose este ano a catro xornadas completas, SonRías Baixas 2025 terá lugar desde o xoves 31 de xullo ata o domingo 3 de agosto, esperando superar os récords de asistencia que xa se bateron na pasada edición, reunindo a máis de 26.800 asistentes e xerando na zona un impacto económico de 2,3 millóns de euros.
Á rolda de prensa, liderada por Jordi Lauren e Berta Domínguez (Dirección de SonRías Baixas), asistiron o director de AGADIC, Jacobo Sutil; o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez; a concelleira de Cultura do Concello de Bueu, Carmen García, e a xestora comercial de zona de Imagen Norte de El Águila, Tatiana Sofía González Carballo.
Durante a súa intervención, Jordi Lauren quixo agradecerlle ás institucións e patrocinadores o seu xeito de entender a colaboración público-privada, indispensable para que proxectos deste tipo saian adiante. Ademais, tamén adiantou algunhas das melloras estruturais coas que contará o SonRías Baixas nesta edición, como o aumento da superficie da zona de acampada –incorporando unha terceira zona-, que será indispensable para mellorar a mobilidade na zona e asegurar a comodidade das persoas asistentes.
Pola súa banda, Berta Domínguez, fixo fincapé na parte artística, explicando que o festival crece non soamente en espazo, senón tamén en número de días, que esta vez serán catro. O mesmo sucede con respecto ás bandas que pasarán polo Escenario Fest Galicia, o Escenario El Águila e o Escenario SonRías, superando as 30 nesta 22ª edición. Como punto a destacar, quixo lembrar que “unha banda como La Raíz despediuse en Bueu e tamén escolleu este escenario para volver”.
“Estamos ante a edición máis completa do festival musicalmente falando”, destacou, explicando que “bandas que comezaron tocando na Sesión Vermú como Grande Amore ou Marlena agora pasan ao escenario principal”. Finalmente, reivindicou o traballo da organización á hora de contar con bandas e proxectos de primeira liña liderados ou participados por mulleres como Cariño, shego, Judeline, Delaporte, Sabela, Nena Daconte, Marlena, Pipiolas… etc.
Jacobo Sutil, director da AGADIC, detallou o carácter estratéxico do festival por todo o que ofrece a súa experiencia completa tanto a nivel social como turístico e económico. Sutil tamén puxo en valor o espírito innovador e de constante renovación do evento, cualificándoo como “un festival referente para a Xunta de Galicia en áreas como mobilidade, sustentabilidade e apoio ás bandas galegas”.
Pola súa banda, a xestora comercial de zona de Imagen Norte de El Águila, Tatiana Sofía Gonzalez Carballo, celebrou “poder seguir brindando no SonRías Baixas” un ano máis e adiantou que haberá varias activacións de marca que sorprenderán ao público asistente que se desvelarán unha vez comezado o festival.
A continuación, a concelleira de Cultura do Concello de Bueu, Carmen García, puxo en valor o evento engadindo que “a cultura move Bueu e Bueu move á cultura”. Destacou a importancia que ten que unha empresa local fose capaz de poñer Bueu no mapa e que o SonRías sexa hoxe en día “un dos mellores festivais a nivel estatal”, ademais de “todo o retorno positivo que supón para unha vila como este un evento musical de tanta calidade durante catro días”.
Para finalizar, Luis López Diéguez, presidente da Deputación de Pontevedra, valorou a combinación de estilos do cartel do festival, integrado dentro do circuíto dos #RíasBaixasFest que promove Turismo Rías Baixas. Quixo tamén destacar os valores comúns da Deputación e o festival como o compromiso co medio natural, o coidado da contorna, a posta en valor do territorio ou o traballo de concienciación contra a violencia de xénero. Ademais animou a todo o mundo a asistir porque “as Rías Baixas son sempre sinónimo de desfrute”.

A edición número 22ª do festival inclúe unha trintena de nomes que constitúen unha programación variada, reflexo da enorme heteroxeneidade que prima na música hoxe en día, e que unido á contorna inigualable onde ten lugar, en pleno corazón das Rías Baixas, constitúe ao festival como unha das citas imprescindibles do verán musical en Galicia.
A xornada inaugural terá como protagonistas a La Raíz, que voltan ao escenario que lles viu despedirse (momentaneamente) en 2018 e como parte da súa Gira Reencuentro e coa que celebran os seus vinte anos cumprindo esa promesa coa que anunciaron o seu parón, “Nos volveremos a ver”.
O resto da xornada completarana Canteca de Macao (que celebrarán o 20 aniversario de “Cachai?”), Muyayo Rif (que volverán ao festival nesta 22ª edición para contaxiar de novo a todo o mundo co seu optimismo e presentando os seus clásicos e novos temas incluídos no seu último disco “Megalithic”) e Baiuca, co seu selo persoal que mestura vangarda e a electrónica coa reivindicación do folclore e a música tradicional galega.
O venres 1 de agosto estará encabezado por Sen Senra, sen dúbida un dos artistas do noso país que máis creceu nos últimos anos, será un dos pratos fortes do venres. Inmerso na creación dunha triloxía Christian segue mesturando con mestría un son internacional urbano con influencias americanas e a súa esencia vangardista e intimista, e facturando en “PO2054AZ” I e II temas brillantes, como “No Quiero Ser Un Cantante”, “Uno De Eses Gatos”, “Un cielo azul” ou “Hermosa Casualidad”, demostrando ser un artista con capacidade para sorprender e romper os moldes establecidos.
Carolina Durante chegan ao festival ostentando o posto de ser a banda máis importante da súa xeración, e responsables en boa medida do rexurdimento do rock e o pop de guitarras. O cuarteto, que foi desenvolvendo unha carreira que se move entre o éxito masivo e o culto que lles profesa o seu aceso grupo de fans, presentará o seu terceiro álbum, “Elige tu propia aventura”, ademais dunha decena de himnos xeracionais nos que reflicten con mestría as miserias e ilusións de toda unha xeración.
A descarga de guitarras continuará esa xornada grazas a shego e Cariño. As primeiras, gañadoras do Premio MIN a Mellor Artista Emerxente 2023 e do Premio +Músicas a Mellor Gravación de Rock este ano, presentarán o seu segundo disco, “No lo volveré a hacer”, cheo de cortes frescos, descarados e, en definitiva, irresistibles grazas ao seu descaro e a letras directas e mordaces. Cariño, pola súa banda, tamén chegarán a Bueu con novo álbum baixo o brazo, “Tanto por decir”, o terceiro nos seus seis anos como banda e que supón unha nova colección de temas con gancho melódicos irresistibles cunha linguaxe infestada de sentido do humor e que reflicten a realidade das súas vidas, ás veces boas outras non tanta, de forma que conectan fortemente con todo Xen-Z que se pare a escoitalos.
Tras un parón estes últimos meses, Grande Amore voltou á carga este verán e terémolo de novo sobre os escenarios en Bueu. As súas dúas aparicións na tradicional Sesión Vermú deixáronnos algúns dos mellores momentos e instantáneas das últimas edicións, así que Nuno e os seus chegarán co listón ben alto para facturar un show cheo de stage dives, enerxía e a súa actitude punk. Como el mesmo diría, “Que pode saír mal?”.
Completará a xornada con máis representación galega Luis Fercán, que estreará en SonRías o seu cuarto disco, “Postales perdidas”, un disco a corazón aberto, persoal e directo e que acompañado pola súa voz rachada e de tímbrica sedutora e potente garanten un concerto memorable cheo de maxia.
Para completar o venres, Melifluo tamén presentarán temas novos en Bueu, estreando formación – aos irmáns Juan Carlos (batería de Supersubmarina) e Antonio Gómez Grella únense para confeccionar un segundo álbum Jay (guitarra de Supersubmarina), Edu (guitarra) e Juanan (baixo). Ao primeiro poderemos gozalo tamén en forma de dj, como Juancasupersub DJ Set, labor que tamén correrá a cargo de Eme Dj durante as tres xornadas para amenizar a apertura de recinto e o peche sen que pase a música nin un instante.
O sábado 2 de agosto chegará ben cargado de vangarda da man de Alizzz. Rompedor e sen dúbida artífice dalgúns dos grandes hits nacionais dos últimos anos no seu labor de produtor para artistas como C. Tangana, Rosalía ou Lola índigo, Alizzz visita por primeira vez o SonRías para presentar os seus dous álbums como solista, “Conducción temeraria” e “Tiene que haber algo más”. Sen nada que envexar ao seu labor tras a mesa de mesturas, o seu directo aposta polas guitarras dos noventa, os sintetizadores e temas cheas de ganchos como “Despertar”, “Ya no siento nada”, “Amanecer”, a súa colaboración con Rigoberta Bandini, e “El Encuentro”, xunto a Amaia.
Precisamente por Alizzz e nesa liña de innovación foi descuberta Judeline, e a de Caños de Meca converteuse nunha das sensacións musicais máis interesantes dos últimos tempos. Contando xa con colaboracións do talle de Duki, Tainy ou Dellafuente, defenderá en Bueu os seus singles xa convertidos en hits (“Canijo”, “2+1”, “de la luz”, etc) e os temas do seu primeiro álbum, “Bodhiria”, no que segue fusionando a súa voz persoal con composicións que mesturan pop, flamenco e electrónica dunha forma intimista e profundamente hipnótica e xenuína.
Desde Murcia e reivindicando as sonoridades, emocións e composicións ancestrais da súa terra, chegan outras das revelacións underground da tempada, Maestro Espada, quen presentará os doce cortes do seu álbum homónimo e debut no que revistan un dos folclores máis ignorados de España, mesturado con tinguiduras futuras e electrónicas e facendo de novo unha chiscadela a que a música popular non ten por que estar rifada coa experimentación.
Fieis sempre a vivir o momento presente e nun grandísimo momento aterrarán en SonRías Delaporte, baixo a súa máxima “El techno cura” e presentando o seu quinto álbum “Aquí y ahora”. A súa proposta transmite enerxía contaxiosa, nunha celebración próxima ao transo con cancións compostas para defender en directo, bailando e gozando ao máximo, e na que Sandra e Sergio fan unha declaración de intencións vitais e mantras para repetirnos tamén cando as cousas non van “tan bien”.
Ademais dos recentemente confirmados Sabela e The Rapants para a Sesión Vermú de mediodía, tamén contamos co pop rock desenfadado de Sobrezero e a mellor selección musical a cargo de Kike Varela DJ, así como Griso, anteriormente 50% de Arnau Griso e que presentará nova música xa como solista e Capital Voskov. Os de Muros presentarán o seu álbum “Abrir el juego” cargado de temas de indie electrónico e tras presentar a súa música por salas e festivais de toda España.
Alargando este ano unha cuarta e última xornada a súa duración, o domingo recibirá en Bueu ao que é, sen dúbida, un dos artistas novos máis importantes da escena española, Dani Fernández. O de Ciudad Real presentará o seu disco “La Jauría”, precedido polo éxito de singles como “Todo Cambia”, “Criminal” ou ” Me Has Invitado a Bailar”, e que conseguiron, do mesmo xeito que outros incluídos nos seus anteriores traballos (“Bailemos”, “Clima tropical”, “Dile a los demás”) fulminar récords de escoitas en plataformas dixitais e converterse xa en himnos para todos os amantes da música.
Producido por Pau Salazar, o álbum conta con temas cociñados a lume lento, no que o artista recorre á imaxe mental da jauría para definir á sociedade, reflectida como unha multitude disposta a opinar e xulgar calquera tema ou persoa, moitas veces sen ningunha lóxica nin análise nin espírito crítico.
Carlos Ares chegará a Bueu con todas as miradas postas nel tras un álbum debut, “’Peregrino”, que veu a luz a principios deste ano e que reúne as súas raíces galegas, o amor polo rural e a simplicidade na creación nunha proposta orgánica e vangardista que unida á súa voz única e auténtica fan dos seus concertos uno dos momentos imperdibles do día.
Niña Polaca, quen afronta un dos mellores momentos da súa carreira con tres concertos seguidos na La Riviera, visitarannos por primeira vez, xa convertidos nuns imprescindibles nos festivais nacionais e defendendo os seus temas convertidos por mérito propios en clásicos do indie nacional, como ” La muerte de Mufasa”, “Willy”, “Pinta Malasaña”, “Nora” ou “San Francisco el Grande”, por citar só algúns dos incluídos nos seus tres álbums de estudo publicados ata a data.
Marlena volven ao festival tras coroarse na Sesión Vermú deste pasado agosto, onde todo o público gozou ao máximo coreando xunto a Ana e Carolina os versos de “Me Sabe Mal”, “Red flags”, “Bailamorena” ou “Último Baile”. Autenticidade e un directo enérxico e que xera unha gran comuñón cos asistentes nunha nova oportunidade para gozar dunha das propostas con máis proxección do noso país.
Unha das voces máis recoñecibles e recoñecidas da Historia do pop en español, Nena Daconte, tamén estará en Bueu repasado o seu repertorio e presentando novas cancións. Premiada con numerosos galardóns a toda unha carreira, Mai deléitanos coas súas emocionantes letras sempre cargadas de amor, desamor e outras sensacións do mundo adulto, sempre mantendo o seu estilo tan único e persoal que a fixo unha das artistas imprescindibles da nosa música.
A mocidade e as guitarras enérxicas correrán este último dia a cargo de Pipiolas, co seu pop cheo de arestas e fantasía. Utilizando unha linguaxe musical propio, maduro, fresco e tremendamente divertido, non faltarán no seu set hits no seu repertorio e grandes colaboracións como “Todas Las Horas”, con Ginebras, “La Niña Bonita”, con Rigoberta Bandini ou “Llorarme”, con Kiko Veleno.
Para pechar, damos a benvida de novo a NDLR nun set que conseguirá, como xa fixo fai dúas edicións, manter a todos os asistentes cheos de enerxía ata o peche desta nova edición que promete ofrecernos, un ano máis, grandísimos momentos para o recordo.

SonRías Baixas é un festival promovido pola produtora PlayPlan, responsables tamén do BIGSOUND Pontevedra.
Conta coa colaboración institucional do Concello de Bueu e co patrocinio da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas, a través da marca Rías Baixas Fest, así como da Xunta de Galicia, mediante Xacobeo e a marca Fest Galicia. O evento conta, ademais, co patrocinio de El Águila e Johnnie Walker, e Los40 como emisora oficial.