Presentación da ‘Pontevedra Trail League’ | © Deputación de Pontevedra

Tres novas probas para gozar da mellor paisaxe e deporte na ‘Pontevedra Trail League’ máis sostible

7 Febreiro 2023

Co Trail do Aloia inícianse este domingo en Tui as probas da competición, que tamén pasará polos Muíños do Folón e do Picón (O Rosal) e o Monte de Santa Trega (A Guarda)


O Pazo provincial da Deputación de Pontevedra foi o escenario escollido para presentar unha nova edición daPontevedra Trail League‘, o circuíto de tres probas de trail que se desenvolve nos montes do sur da provincia de Pontevedra. Un ano máis, esta actividade que conta co apoio da institución provincial desenvolverase ao longo de todo 2023 en Monte Aloia (Tui), nos Muíños do Folón e do Picón (O Rosal) e no Monte de Santa Trega (A Guarda). O deputado de Deportes, Gorka Gómez, presentou a competición acompañado de Serafín Martínez, director deportivo do Trail League 2023; Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal; Montserrat Magallanes, concelleira de Deportes da Guarda; e Rafael Estévez, concelleiro de Deportes de Tui.


Presentación da ‘Pontevedra Trail League’ | © Deputación de Pontevedra

As tres probas da ‘Pontevedra Trail League’, única liga de trail de montaña de Galicia, teñen unha distancia de entre 18 e 21 quilómetros e están organizadas por NOKO 360 en colaboración coa Deputación de Pontevedra e os concellos da Guarda, O Rosal e Tui.

A primeira das competicións é o Trail do Aloia (Tui, 12 de febreiro), seguida do Trail Muíños do Folón (O Rosal, 5 de marzo) e, por último, o Trail do Trega (A Guarda, 19 de novembro). Cada unha das probas terá unha clasificación individual por tramos de idade, nas categorías masculina e feminina: sénior, de 18 a 39 anos; veterano/a I, de 40 a 49 anos, e veterano/a II, a partires dos 49 anos.

O deputado de Deportes, Gorka Gómez, asegurou que coa Pontevedra Trail League “conxuntamos tres concellos para ofrecer unha liga combinada dun deporte que está en auxe, no que cada vez participan máis mulleres, e que se practica nunha contorna paisaxística espectacular”. O deputado agradeceu o esforzo da organización “para poñelas en valor, posicionalas e atraer cada vez máis persoas”, e lembrou a importancia “do turismo deportivo que fai que se coñeza o noso patrimonio natural e cultural a través do deporte e que ten moita relevancia económica para o territorio”. Gorka Gómez tamén lembrou que “sen a colaboración dos concellos non é posible organizar calquera evento, do máis pequeno ao máis grande: as administracións estamos para achegar o deporte, que é un dereito, e seguiremos esforzándonos para democratizalo”.

O director deportivo da Trail League, Serafín Martínez, sinalou que as tres probas conseguen xuntar “máis de 1500 deportistas, algo que hoxe en día é moi difícil conseguir”. Este ano, a liga pon o foco especialmente na sostibilidade e dá un paso máis “para eliminar todos os plásticos dun só uso, xa que moitas veces atopamos residuos nos montes e imos evitalo, aínda que vai ser complicado”. Martínez asegurou que “buscaremos alternativas porque os eventos deportivos teñen que seguir nesta liña de protección do medio ambiente, e estamos no bo camiño”.


Presentación da ‘Pontevedra Trail League’ | © Deputación de Pontevedra

As inscricións para o Trail do Aloia están abertas e as persoas interesadas poden inscribirse ata mañá mércores 8 de febreiro nalgunha das súas dúas distancias, 10 km (‘mini trail’) e 20 km (‘gran trail’). Tamén ata mañá se pode formalizar a inscrición nas carreiras infantís que se organizan na tarde do sábado, para rapazada de 0 a 4 anos e de 5 a 14 anos na lareira do monte. O concelleiro tudense de Deportes, Rafael Estévez, agradeceu “o apoio constante da Deputación” e sinalou que “o deporte é moi necesario, especialmente entre a xente nova xa que a través del se implican coa sociedade”. Estévez puxo o foco na alta participación do evento: “160 nenas e nenos xa inscritos e máis de 400 participantes na proba, malia que seguramente cheguemos a 600: é un éxito rotundo e o Concello de Tui está moi agradecido”.

En canto ao Trail Muíños do Folón do Rosal, a alcaldesa Ánxela Fernández agradeceu a Deputación por “sempre estar aí para colaborar e tomar a iniciativa en cuestións transformadoras como é o deporte”. Fernández asegurou que “con estes eventos apostamos por un turismo sostible e ao mesmo tempo democratizamos os espazos naturais, con alto valor para nós”. A alcaldesa salientou que os Muíños datan de entre os séculos XVII e XVIII, polo que “practicando deporte nesta contorna adentrámonos na nosa identidade, na nosa orixe, e tamén na construción do que queremos para as xeracións futuras porque lles trasladamos a importancia do deporte, da saúde e da sostibilidade”.

Finalmente, a concelleira de Deportes da Guarda –onde se celebra o Trail do Trega–, Montse Magallanes, sinalou “a sensibilidade cada vez maior da sociedade cara ao coidado do monte. Temos a obriga de eliminar os plásticos dun só uso especialmente cando estamos nunha contorna privilexiada como o Trega, unha xoia que queremos que siga sendo natural, fermosa e cunhas vistas incribles”. A concelleira agradeceu a Deputación “porque levamos 10 edicións, pero desde que imos baixo o paraugas da institución provincial podémonos posicionar a nivel estatal”.

Está pasando!