Vilagarcía acollerá unhas Xornadas sobre Ciberseguridade que se celebrarán na praza da II República a finais de novembro

11 Novembro 2025

  • Vilagarcía acollerá unhas Xornadas sobre Ciberseguridade que se celebrarán na praza da II República entre o 18 e o 22 de novembro.
  • A actividade está organizada polo Instituto Nacional de Ciberseguridade de España (INCIBE), dependente do Ministerio de Transformación Dixital e Función Pública, a través da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais.

A campaña #ExperienciaINCIBE impartirase nun camión desplegable con capacidade para máis de 60 persoas que leva tres anos viaxando por toda España co obxectivo de capacitar á cidadanía en materia de seguridade. Trátase dunha iniciativa que se realiza no marco dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiada pola Unión Europea (Next Generation).

En concreto, a infraestrutura dispón de dúas grandes zonas, un área interior e unha exterior, onde se realizarán actividades de concienciación, formación e lúdicas. A experiencia está aberta ao público xeral e tamén aos centros escolares, cos que xa se están poñendo en contacto dende o Instituto Nacional.

A área conta con zonas expositivas, de charlas, de contidos didácticos e tamén de xogo, onde poderán desfrutar dun ‘escape room’ co que aprender a superar riscos dixitais e desenvolver accións para evitar e xestionar ameazas. Tamén se dará información para poder contactar co ‘017’, o servizo telefónico de axuda do INCIBE.

Póster

O horario de apertura será de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas para os grupos escolares; e de 16:30 a 19:00 horas para todos os públicos. O sábado o acceso será de 11:00 a 15:00 horas; e pola tarde de 16:00 a 20:00 horas.

As accións de concienciación e protección son máis necesarias que nunca hoxe en día, debido ao aumento de estafas e roubos a través de Internet.

Sen ir máis lonxe, o alcalde, Alberto Varela, mantivo unha reunión hai unhas semanas co xefe superior do Corpo Nacional de Policía, Pedro Jesús Pacheco Carrasco, na que se abordou este asunto. Neste sentido, semella importante seguir educando á poboación para que extreme todas as precaucións á hora de navegar online.

Está pasando!