‘Nymeria’ | Pablo Méndez Performance

‘La granja de Zenón’, ‘Nymeria’, ‘IX Galicia Magic Fest’, ABBA ‘Revolution Tour’ e Luís Piedrahita, primeiras citas culturais do 2026 en Vilagarcía

10 Outubro 2025

  • A concellería de Cultura, dirixida por Sonia Outón, xa se atopa traballando no calendario de espectáculos para o ano que ven
  • Polo de agora, o 2026 contará con cinco ‘shows’ de alto nivel: un de carácter infantil, “La granja de Zenón”; o familiar “Nymeria”; un de maxia, “IX Galicia Magic Fest”; o musical tributo á banda ABBA, “Revolution Tour”; e o monólogo de humor “Apocalípticamente incorrecto”, de Luís Piedrahita
  • As entradas para as actividades están xa á venda a través de ataquilla.com

O espectáculo para nenos e nenas de ‘La Granja de Zenón’ representarase en Vilagarcía o sábado 3 de xaneiro ás 17:00 horas. O fenómeno infantil do momento, con 65 millóns de subscricións en Youtube e miles de millóns de visualizacións, regresa a España con novas aventuras “e un incrible show audiovisual que desfrutará toda a familia”, segundo apuntan dende a compañía, Edicións Embora.

Ese mesmo día, pero ás 21:00 horas o Auditorio acollerá tamén o ABBA ‘Revolution Tour’, unha actuación tributo á banda sueca. Ana K. García, Clara Dini, Juanma Sánchez e Joaquín Catalán, transportarán ao público aos anos 70 e 80, con melodías pegadizas “presentes na memoria colectiva de varias xeracións”.

O día 9 de xaneiro Vilagarcía convértese no epicentro da fantasía grazas á celebración de ‘IX Galicia Magic Fest’, o festival de ilusionismo que está a percorrer Galicia da man do mago Pedro Volta.

Por outra banda, o 31 de xaneiro chega ao Auditorio Municipal ‘Nymeria’, un espectáculo de Pablo Méndez Performances. A obra combina teatro visual, circo contemporáneo e tecnoloxía escénica de vangarda, “dando vida a un universo orixinal de gran beleza e ritmo”, no que a participación do público é clave, tal e como explica a produtora.

Por último, o novo ‘show’ de Luis Piedrahita, ‘Apocalípticamente incorrecto‘ chegará ao Auditorio Municipal o 25 de abril de 2026. O monólogo mestura humor absurdo, reflexións sobre a vida diaria e, como non podía ser doutra maneira, maxia. Piedrahita leva 25 anos no sector “sempre formando parte dos programas de radio e televisión máis exitosos”, como pode ser ‘El Hormiguero’ de Antena 3 ou ‘La Ventana’ da Cadena Ser.

“O ser humano sempre desexou facer o que lle daba a gana pero… é iso posible ou o noso destino está escrito e non podemos cambialo?”, plantexa o humorista.

O monologuista ironiza sobre o horóscopo e reflexiona sobre a liberdade de expresión. “Son temas controvertidos, pero Luis non teme a nada porque o medo espanta a risa e, de modo recíproco, a risa espanta o medo”, pode lerse na sinopse.

Está pasando!