Presentación de ‘Xoga e crea’ e ‘Artexogo’ | © Concello de Pontevedra

‘Xoga e crea’ e ‘Artexogo’ dúas propostas distintas para aprender, medrar e socializar en Monte Porreiro e Pontevedra

20 Setembro 2023

  • Os obradoiros e as súas sesións inclúen actividades variadas e divertidas, co xogo tradicional e interxeracional como base
  • Migallas Teatro será a compañía responsábel de realizalos ao longo dos vindeiros meses

A asociación veciñal O Mirador de Monte Porreiro organiza en colaboración co Concello de Pontevedra o obradoiro ‘Xoga e crea con Migallas’, unha actividade impartida pola compañía Migallas Teatro co fin de promover a expresión dramática, plástica e musical e a práctica dos xogos tradicionais entre as crianzas, creando, ademais, un espazo de socialización en galego.

O edil de Cultura, Demetrio Gómez, presentou onte a programación especial que se levará a cabo no Centro Cultural de Monte Porreiro, lembrando que o xogo, nomeando a Tonucci, «permite ter as aprendizaxes máis importantes». «Pontevedra conta cuns espazos magníficos onde poder xogar: na rúa, nos centros sociais, nos teatros, no Pazo da Cultura… Non poden ser espazos mortos, deben ser espazos cheos de vida e de xogo, espazos onde escoitar gargalladas».

‘Xoga e crea con Migallas’ está destinado a nenos e nenas de 5 a 7 anos, desenvolvéndose os martes lectivos das 18.00 ás 19.30 horas, comezando o 3 de outubro e rematando o 12 de marzo do 2024. Terán un prezo de inscrición de 50 euros (todo o material necesario estará incluído no custo) e a prescrición poderá facerse do 20 ao 26 de setembro remitindo un correo a o enderezo electrónico migallas@migallas.gal co nome e apelidos da nena ou neno solicitante, un teléfono de contacto e o domicilio ou achegando estes mesmos datos de forma presencial ao Centro Cultural de Monte Porreiro os días 20, 21, 22, 25 e 26 de setembro entre as 18.00 e as 20.00 horas.

Cómpre sinalar que as prazas non se adxudicarán por orde de entrega da solicitude de preinscrición senón que, no caso de que haxa máis solicitudes que prazas ofertadas, terán prioridade as nenas e nenos residentes en Monte Porreiro.

A cota de inscrición poderá pagarse en varios prazos ou mesmo ser subvencionada segundo as circunstancias socioeconómicas de cada familia, previo informe por parte dos servizos sociais do Concello.

Servando Rodríguez, representante da asociación veciñal do Mirador, explicou que o colectivo sinalou que están «no mellor barrio que existe en Pontevedra e o máis completo», no que se sitúa un centro cultural «moi grande» que queren «encher de programación e actividades, cantas máis mellor».



Artexogo’, ou como encher de crianzas o Pazo da Cultura

O edil Demetrio Gómez, presentou tamén esta mañá acompañado de Carlos Yus, de Migallas Teatro, a actividade ‘Artexogo’, unha serie de obradoiros infantís promovidos desde a concellaría de Cultura do Concello de Pontevedra que se desenvolverá a partir do xaneiro do 2024.

Até tres obradoiros se sitúan dentro deste ciclo infantil, dirixidos a nenas e nenos onde se desenvolverán actividades de expresión dramática, plástica e musical e de dos xogos tradicionais creando un espazo de socialización en galego.

Cada obradoiro constará de 14 sesións de hora e media adaptadas aos períodos lectivos escolares entre xaneiro e abril de 2024 a razón dunha sesión semanal e distribuídas consonte os seguintes días e idades: habendo dous tipos de obradoiros, o primeiro está pensado para crianzas de 8 a 11 anos e será realizado os luns de 18.00 a 19.30 horas. O segundo tipo é para crianzas de 5 a 7 anos, os mércores de 17.30 a 19.00 horas. Terán un prezo de 50 euros, material incluído. A preinscrición realizarase durante o mes de novembro do 2023.

As prazas non se adxudicarán por orde de entrega da solicitude de preinscrición senón que, no caso de que haxa máis solicitudes que prazas ofertadas, farase un sorteo público no que se escollerá ao chou unha letra. Esta será a letra do primeiro apelido a partir do que se elaborará a listaxe de participantes.

Está pasando!