O Cineclube Pontevedra tráenos en maio a triloxía proletaria de Aki Kaurismäki e as sesións de filmoteca en colaboración co Cgai-Filmoteca de Galicia

30 Abril 2021

A triloxía «proletaria» ou «da clase traballadora», do director finlandés Aki Kaurismäki, composta polos seus filmes Sombras no paraíso, Ariel e A rapaza da fábrica de mistos, será a protagonista dos martes de cineclube durante o mes de maio.

Botan a andar tamén as sesións de filmoteca grazas ao convenio que veñen de asinar Cineclube Pontevedra e Agadic, o cal permitirá, un ano máis, achegar parte da programación do CGAI-Filmoteca de Galicia ao Teatro Principal de Pontevedra. Os dous luns previstos este mes dedicaránselle ao director chinés Wong Kar-wai, cuxa obra Desexando amar foi volveu ás salas este mesmo ano co gallo do 20 aniversario da súa estrea.


LUNS 10  | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

CHUNGKING EXPRESS

Wong Kar-Wai, 1994, 103 min., VOSE

Dúas historias de amor independentes que se desenvolven no popular barrio turístico de Tsimhatsui, en Hong Kong. A primeira describe o fugaz encontro entre un mozo policía en plena crise amorosa e unha misteriosa muller fatal traficante de drogas. A segunda céntrase no singular romance entre un solitario e sinxelo axente de policía e a nova camareira do bar onde aquel adoita comer.


MARTES 11 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

SOMBRAS NO PARAÍSO

Aki Kaurismäki, 1986, 70 min., VOSE

Nikander conduce un camión do lixo en Helsinki. Ten un emprego do que se sente orgulloso e que lle asegura certa consideración. Durante toda a súa vida non leu máis ca tebeos e ninguén lle dixo que debería intentar prosperar. Con inocencia, atravesa este mundo hostil. Mais a súa situación muda cando coñece a Ilona, que traballa como caixeira nun supermercado.


MARTES 18 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

ARIEL

Aki Kaurismäki, 1988, 65 min., VOSE

Logo de perder o seu traballo nunha mina en Letonia, Taisto Kasurinen inicia nun vello Cabriolet branco a súa viaxe cara á gran cidade. O seu periplo estará cheo de infortunios e probas que superar, mais tamén atopará o amor, roubará un banco e fuxirá coa súa amada a México.


LUNS 24 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

DESEXANDO AMAR

Wong Kar-Wai, 2000, 95 min., VOSE

Hong Kong, 1962. Chow, redactor xefe dun xornal local, múdase coa súa muller a un edificio habitado principalmente por residentes de Shanghai. Alí coñece a Li-Zhen, unha moza que acaba de instalarse no mesmo edificio có seu home. Ela é secretaria dunha empresa de exportación e o seu home está continuamente de viaxe de negocios. Como a muller de Chow tamén está case sempre fóra da casa, Li-Zhen e Chow pasan cada vez máis tempo xuntos e fanse moi amigos. Un día, ambos descubrirán algo inesperado sobre as súas respectivas parellas.


MARTES 25 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

A RAPAZA DA FÁBRICA DE MISTOS

Aki Kaurismäki, 1990, 65 min., VOSE

A vida de Iris é gris e monótona: o seu traballo nunha fábrica de mistos é aburrido e cando chega á casa logo dun longo día tense que enfrontar ao seu padrastro, que a trata con crueldade. Polas noites sae bailar e intenta divertirse. Cando descobre que está embarazada decide que chegou o momento de mudar o rumbo da súa vida.


Cartel Cineclube Pontevedra Maio 2021

O Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades. Asóciate!

Está pasando!