Mabel Lozano | Pedro Walter

A cineasta e activista Mabel Lozano presenta en Vilaboa dous documentais sobre a trata de persoas galardoados cos Premios Goya

22 Setembro 2025

A autora do premiado “Biografía del cadáver de una mujer”, galardoado nos Premios Goya 2025, protagonizará un acto aberto ao público o vindeiro día 3


O Concello de Vilaboa, en colaboración co Ministerio de Igualdade e APRAMP, acolle o vindeiro xoves 3 de outubro unha xornada de sensibilización contra a trata de persoas e a explotación sexual.

O evento, que se desenvolverá no salón de actos da Casa de Cultura de Riomaior, contará coa presenza da recoñecida cineasta e activista Mabel Lozano, autora de documentais de referencia sobre esta problemática social.

A iniciativa enmárcase nas políticas municipais de loita contra a violencia de xénero e forma parte das actividades de sensibilización que o Concello de Vilaboa desenvolve ao longo do ano en colaboración con organismos estatais e organizacións especializadas.

Durante a xornada proxectaranse dous traballos audiovisuais de especial relevancia: “Biografía del cadáver de una mujer”, galardoado co Premio Goya 2021 ao Mellor Curtametraxe Documental, e “AVA”, Premio Goya 2024 na mesma categoría, ambos dirixidos por Mabel Lozano.

Estes documentais abordan de forma directa e sen concesións a realidade da trata de persoas con fins de explotación sexual, unha das formas máis graves de violencia contra as mulleres.

Programa diferenciado por públicos

A xornada estrutúrase en dúas sesións adaptadas a diferentes públicos; así haberá unha sesión educativa (12:00 horas) dirixida específicamente ao alumnado de Educación Secundaria, con prioridade para estudantes de 13 anos en diante do CEIP Toural. Esta sesión, de hora e media de duración, inclúe materiais audiovisuais especificamente adaptados ao público xuvenil e persegue obxectivos de prevención e sensibilización entre a poboación máis nova.

Pola tarde terá lugar unha sesión aberta á cidadanía a partir das 18 horas. Trala apertura comezará o pase dos dous documentais para continuar ás 18.50 horas cunha intervención de Mabel Lozano rematando a actividade cun coloquio e debate.

Mabel Lozano, referente na loita contra a trata

Mabel Lozano é unha das figuras máis recoñecidas no panorama audiovisual español na denuncia da trata de persoas e a violencia de xénero. A súa filmografía inclúe obras como “Chicas nuevas 24 horas” (2015), primeiro documental español sobre prostitución e trata, “El proxeneta” (2020) e “Biografía del cadáver de una mujer” (2024), este último recoñecido cos máximos galardóns cinematográficos.

A cineasta combina o seu traballo artístico cun intenso activismo social, participando regularmente en foros especializados, conferencias universitarias e campañas institucionais de sensibilización. Os seus documentais caracterizan se polo tratamento rigoroso e humano dos testemuños das vítimas, converténdose en ferramentas de denuncia e concienciación social.

Está pasando!