A campaña ‘Vilagarcía 100%’ chega ao seu fin en novembro coas últimas seis actividades e máis de 140 prazas dispoñibles

30 Outubro 2025

  • A iniciativa, posta en marcha pola concellería de Turismo, busca que os vilagarciáns coñezan os espazos naturais e a riqueza patrimonial do lugar no que viven.
  • Este mes as visitas ao Museo do Ferrocarril e as rutas de sendeirismo serán as grandes protagonistas.

As prazas poderán reservarse a partir do sábado día 1 a través da web municipal ticket.vilagarcia.gal. Cada usuario poderá facerse cun máximo de 4 tíckets, que terá que completar cos datos de todos os participantes.

A primeira será o domingo 9, cunha ruta dende Carril ata a praia de Bamio: “A saída será ás 10:30 horas dende a praza do Carril e o paseo está adaptado para que o poida realizar calquera persoa”, apuntan dende a empresa Corticata, encargada de organizala.

O domingo seguinte, día 16, o percorrido será un pouco máis esixente: a subida ao monte Lobeira. Hai 30 prazas dispoñibles e está recomendada para maiores de 9 anos, xa que hai algúns tramos en costa. A saída será ás 10:00 horas dende o centro de Vilagarcía.

O fin de semana do 22 e 23 de novembro será o máis completo. Por unha banda, o sábado celebraranse as dúas visitas guiadas ao Museo do Ferrocarril. Haberá dúas quendas de 25 persoas para que sexa máis cómodo o acceso. A primeira ás 11:30 horas, e a seguinte ás 13:00 horas. O domingo farase a ‘Ruta Mariñeira’ a pé, dende a praza da Liberdade ata Vilaxoán e volta. A saída é ás 10:00 horas e hai 30 prazas dispoñibles.

Por último, o domingo 30 prográmase unha ruta pola Vía Verde a partir das 10:00 horas. Neste caso ábrense dúas opcións: facela a pé ou en bicicleta. No primeiro caso non se percorrerá enteira, senón probablemente ata a altura da ponte de ferro, “aínda que dependerá do estado físico do grupo, polo que irémolo valorando sobre a marcha”. No segundo caso farase a vía enteira. A saída será dende o estacionamento fronte ao Pazo de Rubiáns.

‘Vilagarcía 100%’ comezou no mes de xuño e contou con máis de 1.300 prazas. Ofertáronse un sen fin de propostas de balde coma roteiros, xincanas, actividades familiares e as máis populares, as visitas á Illa de Cortegada, que só con esta campaña recibiu a máis de 600 persoas.

Está pasando!