A celebración da ‘Noite das Meigas’ pasa ao sábado 6 de setembro, e o ‘Folk no Alobre’, pendente de confirmar a nova data por mor da choiva

1 Setembro 2025

A concellería de Cultura de Vilagarcía de Arousa, dirixida por Sonia Outón, viuse na obriga de aprazar a celebración da ‘Noite das Meigas’ ao sábado 6 de setembro, e o ‘Folk no Alobre’, pendente de confirmar a nova data, por mor da choiva.

O Concello de Vilagarcía de Arousa tomou esta decisión porque o prognóstico meteorolóxico non deixou lugar a dúbidas, e coa intención de avisar canto antes a todas as asociacións e persoas implicadas na organización, que son moitas.

“Danos moita mágoa porque era o colofón ideal para un verán que foi sublime a nivel cultural, pero é necesario porque dan moi mal tempo e o especial destas actividades é que se celebren ao aire libre”, explicou a concelleira.

No caso da ‘Noite das Meigas’, a concellería responsable anima a todos os interesados a marcar a nova data no calendario porque a programación prevista manterase igual, polo que merece moito a pena achegarse á cidade.

Como xa é de sobra coñecido, dez asociacións locais encárganse de animar o centro da vila repartindo comida e queimada gratis nos poboados máxicos. Ademais, ás 00:00 horas, farase a lectura do conxuro na praza de Galicia.

O Concello colabora, ademais de a nivel loxístico, aportando 4.000 taciñas de barro e o mesmo número de rosquillas, ademais de todos os ingredientes para facer a bebida.

Pola súa parte, o ‘Folk no Alobre’, xestionado pola asociación Pés de Barro, está pendente de concretar unha nova data. “Estamos falando coas bandas para que nos confirmen que asistirán. En calquera caso, informaremos tan pronto como nos sexa posible”, apuntou Daniel Abad.

Está pasando!