Orquestra Galega de LIberación

A Deputación leva este venres a Moaña o programa provincial +Música cunha actuación da Orquestra Galega de Liberación

6 Agosto 2025

A agrupación actuará no Arboredo da Xunqueira ás 23:00 horas no marco do IX Festival de Jazz de Moaña


A Deputación de Pontevedra leva este venres 8 de agosto a Moaña un concerto da Orquestra Galega de Liberación enmarcado na nova edición de +Música.

A actuación terá lugar no Arboredo da Xunqueira ás 23:00 horas no marco do IX Festival de Jazz de Moaña.

A Orquestra Galega de Liberación está formada por 20 músicos residentes en Galicia reunidos en torno á música de vangarda, á busca de novas formas de creación espontánea e á improvisación como fonte de investigación.

Recoñecidos internacionalmente nos distintos eidos do mundo clásico, do jazz, da vangarda e da performance, presentarán en Moaña unha ambiciosa proposta musical na que empregan técnicas de improvisación dirixida e linguas de signos aplicadas á composición multidisciplinar en tempo real, como o Soundpainting.

O concerto de Orquestra Galega de Liberación é unha das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas.

Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel.

A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.

Está pasando!