A Deputación pecha este mércores no Museo de Pontevedra o ciclo ‘Ao Son do Piano’, cun concerto de Rafa Fernández Cuarteto

24 Marzo 2025

O grupo formado por Rafa Fernández, Bleuenn Lefriecc, Benxamín Otero e Álex Salgueiro móvese entre a música ambiental e a contemporánea e actuará o mércores ás 19:00 horas no Edificio Castelao. O acceso é libre ata completar a capacidade


O Museo de Pontevedra pecha este mércores a segunda edición de ‘Ao Son do Piano’, un ciclo de concertos acústicos de música clásica contemporánea arredor do piano de cola do Museo.

Logo da actuación de Suelen Estar Quartet o pasado sábado, é a quenda de Rafa Fernández Cuarteto, que actúa o mércores 26 ás 19:00 h no Edificio Castelao, con acceso libre ata completar a capacidade.



O guitarrista noiés Rafa Fernández lidera un cuarteto completado pola arpa de Bleuenn Lefriecc, o óboe e o corno inglés de Benxamín Otero e o piano e os sintetizadores de Álex Salgueiro.

Xuntos ofrecen unha exquisita mestura de sonoridades acústicas coma eléctricas, nun contexto de música ambiental e contemporánea, xéneros nos que este guitarrista leva máis de dez anos sendo unha das súas principais figuras no territorio galego.

Neste concerto repasaranse temas de traballos discográficos como ‘Aldán’ ou ‘A cara bonita da pedra’, así como músicas escritas para diferentes proxectos audiovisuais cos que este músico percorreu gran número de escenarios na súa longa traxectoria.

Está pasando!