Exposición ‘Obxecto prezado nunca se compra’ en Marín

ven08maiConsultarven22maiExposición ‘Obxecto prezado nunca se compra’ en MarínSusana B. de Castro Teixeira(Consultar) Ateneo Santa Cecilia - Marín

Detalles do Evento

A sala de exposición do Ateneo Santa Cecilia de Marín acolle a exposición pictórica ‘Obxecto prezado nunca se compra’ da artista Susana Beatriz de Castro Teixeira.

A práctica artística de Susana de Castro iníciase na exploración da noción de habitar como acción fundamental que conforma o refuxio e a identidade; comprendendo o fogar como lugar ambivalente de crecemento e de recollemento, de unión e de reunión, que vén marcado pola identidade persoal e a necesidade de seguridade e intimidade. Desta maneira, espazo e suxeito xeran unha retroalimentación e contamínanse o un ao outro ao longo do tempo ata que o fogar, como contedor, acaba por ser reflexo de quen o habita.

Nesta proposta, os obxectos cotiáns adquiren un papel central como portadores de memoria, afecto e experiencia. Son elementos aparentemente simples, pero cargados de significado, que actúan como extensións do corpo.

A través de distintos encadramentos xérase unha sorte de emulación da intimidade, convidando ao espectador a asomarse a espazos protexidos (segredos) onde o doméstico se volve narrativo. A fantasía, o naif e a inocencia funcionan aquí como linguaxes deliberadas, reivindicando o xogo, a imaxinación e o pracer de crear como motor lexítimo da práctica artística.

A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo.

Esta exposición permanecerá no Ateneo marinense do 8 ao 22 de maio. Poderase visitar de luns a venres, en horario habitual de 18:00 a 20:30 horas.

Hora

maio 8 (Venres) - 22 (Venres)

Localización

Ateneo Santa Cecilia

Rúa do Forno, 42 Baixo 36900 Marín

Está pasando!