A música e o humor conflúen esta fin de semana no ciclo Solpores no Lagoeiro da man de Marlango e Luis Piedrahita

20 Agosto 2020

  • O cómico e ilusionista coruñés presenta o venres 21 Stand-up Comedy, unha recompilación dos seus monólogos máis exitosos e coñecidos
  • Leonor Watling e Alejandro Pelayo presentarán na noite do domingo 23 o seu último traballo discográfico, Technicolor, un álbum “crú e contemporáneo”
  • As dúas propostas, que contan cun protocolo específico para garantir a seguridade das e dos asistentes e artistas, serán a ceo aberto e comezarán a partir das 21.30 horas
  • O servizo do Restaurante do Lagoeiro atenderá ao público, sentado por unidade de convivencia, nas súas mesas

O humor e a música daranse cita esta semana na Estrada. O novo ciclo Solpores no Lagoeiro achega nas noites do venres 21 e domingo 23 dúas propostas singulares para gozar nunha contorna única, a ceo aberto e con todas as garantías sanitarias, da cultura ao vivo.

A primeira cita será o venres 21. O humorista Luis Piedrahita presentará a súa nova proposta, Stand-up Comedy, unha recompilación dos monólogos más divertidos e exitosos da súa traxectoria. O cómico coruñés, prolífico artista e colaborador habitual nos medios de comunicación, actuará na noite do venres, a partir das 21.30 horas, no xardín de A Casa do Lagoeiro (Vilar, 17). No caso de choiva, a cita trasladarase á Fundación de Exposición e Congresos de A Estrada. As entradas para o espectáculo de Piedrahita pódense adquirir, unicamente, de forma presencial en A Casa do Lagoeiro e O Camiño (A Estrada), A Senra Café (Teo) e Ollo de Boi (Portonovo). Todas aquelas persoas que non se poidan desprazar fisicamente a algún destes recintos poden facer a súa reserva a través do teléfono 690.212.767.

O domingo 23 será a quenda do jazz, do blues e da vangarda musical nos Solpores no Lagoeiro. Marlango, conformado pola actriz e cantante Leonor Watling e o pianista Alejandro Pelayo, presentará o seu último traballo discográfico, Technicolor. Neste álbum, o sexto do grupo, o dúo pon a música ao servizo do relato e propón unha serie de temas musicais que semellan a banda sonora dunha película nunca filmada. As imaxes cinematográficas xorden á medida que avanzan os temas, xa que Technicolor é, segundo sinala o grupo, “unha homenaxe á sonoridade que teñen as cancións das longametraxes por riba de calquera época”. Así, o público que se achegue até A Estrada poderá escoitar, en acústico, o son “crú e contemporáneo” dun disco escrito por Watling e Pelayo e que inclúe temas como Poco a poco ou El veneno.

O concerto Marlango comezará ás 21.30 horas, pero a apertura de portas producirase ás 20.00 horas. As entradas para asistir á sesión están dispoñibles a través da plataforma Enterticket 

A vindeira semana a música volverá ser protagonista na súa totalidade con dous concertos de creadores galegos, como é Fredi Leis (xoves 27) e Tanxugueiras (domingo 30). De cara ao mes de setembro o ciclo continuará con Xoel López en formato cuarteto (domingo 6), nunha actuación na que avanzará algúns temas do seu novo disco, como “Alma de oro” ou “Tigre de Bengala”. Finalmente, o sábado 12 o cómico Goyo Jiménez pechará Solpores no Lagoeiro co seu espectáculo “Confusio”, que recolle algúns dos monólogos más divertidos do humorista.

Cultura segura

Todos os concertos e espectáculos de Solpores no Lagoeiro celébranse no exterior da casa, nun xardín preparado especificamente para a ocasión e no que se dan todas as garantías de seguridade para poder gozar da iniciativa á vez que se cumpren os protocolos sanitarios. O espazo conta con indicacións para o tránsito e facilita xel hidroalcohólico para as e os asistentes, que deberán levar mascarilla en todo momento.

Unha vez no recinto, que abre as portas cunha hora e media de antelación, o público séntase en función dos convivintes ou unidade familiar. Cada grupo, respectando a distancia de seguridade de 1,5 metros que establece o protocolo, conta cunha mesa na que o servizo do Restaurante do Lagoeiro serve as bebidas durante a sesión. As persoas que, ademais do espectáculo, queiran gozar dunha cea no establecemento, deberán facer a súa reserva previamente.

+info. en facebook.com/acasadolagoeiro/

Está pasando!