Presentación do XXV Aniversario da Toma das Uvas | Concello de Vilagarcía de Arousa

A popular Toma das Uvas de Vilagarcía das doce do mediodía cumpre vinte e cinco edicións

18 Decembro 2025

  • A praza de Ravella volverá a acoller o día 31, mércores, ás 12:00 horas, a súa popular Toma das Uvas, que reúne a máis de 4.000 persoas vindas de moitos lugares de Galicia.
  • Este ano será, ademais, moi especial, ao cumprirse as primeiras vinte e cinco edicións dunha festa pioneira en España.
  • As actividades comezarán a partir das 11 horas, con varias actividades que serán conducidas por Erea Hierro e Carlos Blanco.
  • En total serán repartidos 400 quilos de froita en bolsiñas con doce uvas. Haberá tamén cava.

Ademais de Blanco e Hierro, no evento tamén participarán outros vilagarciáns ben coñecidos: Pablo Somoza Trío, o grupo de animación sociocultural Nydia ou Borja Santamaría e os Mozos de Arousa, aos que acompañarán tamén Nelson Quinteiro e seu grupo, que son tamén os encargados de dar vida á Aldea de Nadal.

Precisamente porque este ano cúmprense vinte e cinco edicións, dende a organización quérese facer un chisco a aquel 1998 no que os voluntarios da Concellería de Xuventude decidiron reunirse para festexar o fin de ano, pero ás doce do mediodía.

Despois daquela sinxela xuntanza, ano a ano foi sumándose máis xente ata chegar ao momento actual en que os participantes cóntanse por milleiros. “Despois de San Roque, as Uvas son o momento máis mediático do ano”, resumiu a concelleira de Cultura, Sonia Outón.

O alcalde, Alberto Varela, destacou pola súa banda que a Toma das Uvas xa é “algo moi vilagarcián. Gústanos celebrar o fin de ano coa nosa xente, como a todo o mundo, pero tamén gústanos compartir”, e de aí tanto o nacemento desta festa como o seu espectacular crecemento nestes anos. “Hai máis sitios no que tamén se toman as uvas ás 12 da mañá, pero nós fomos os primeiros”, recalcou.

O programa comezará ás 11 da mañá, con animación constante a cargo de Borja Santamaría, na súa faceta de Dj, e dos presentadores, Carlos Blanco e Erea Hierro. Nas pantallas se exhibirán distintas imaxes que levarán ao público ao ano 1998 e a diversas edicións da Toma, ata chegar ao 2025.

Antes da toma das uvas, coa correspondente explicación do seu funcionamento -cuartos incluídos- haberá varias actuacións. Despois de brindar polo novo ano, Pablo Somoza Trío asumirá a parte final da festa. Pasada a unha da tarde, o grupo de Nelson Quinteiro fará un desfile polas principais rúas da cidade.

ACIO XIGANTE

Como parte da decoración da praza haberá un gran acio de uvas, de 3,5×7,5 metros de alto. As uvas, inchables, non serán finalmente soltas ao espazo, senón formarán parte do atrezzo para ser reutilizadas noutros espazos.

O alcalde admitiu que en principio a intención era facer unha solta, por tratarse unha data especial, a das 25 edicións. Sen embargo, e malia os certificados que garanten que ao tratarse de caucho natural son biodegradables, finalmente non haberá solta “porque queremos que todo o mundo participe da nosa festa, non queremos que por algo que é puramente decorativo ninguén se vaia apartar por iso”.

Está pasando!