A programación do Cineclube Pontevedra regresa en setembro ao Teatro Principal

4 Setembro 2025

No mes de setembro volve o curso cineclubeiro, desta volta con tres divertidísimas comedias pasadas por auga e asinadas por Nanni Moretti, Howard Hawks e Takeshi Kitano. Poderemos velas os martes 16, 23 e 30.

Ademais, retómanse os luns de filmoteca, en colaboración coa Filmoteca de Galicia, coa proxección da primeira longametraxe da directora india Payal Kapadia, que se proxectará o luns 22.

Todas as sesións terán lugar ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra.


MARTES 16 DE SETEMBRO

‘Palombella rossa’ (Nanni Moretti, 1989, 89 min., VOSE, Lingua orixinal: italiano).

O dirixente comunista e xogador de waterpolo Michele Apicella (álter ego de Moretti en anteriores filmes) perde a memoria tras un accidente. Sen recuperala aínda, viaxa a Sicilia para xogar un partido durante o que van aflorando algunhas lembranzas da infancia e dos seus comezos no PCI. Isto provoca en Michele reflexións sobre política, sobre os medios de comunicación, o cinema ou a propia vida.

Con moito humor e unha libérrima narrativa, con música de Battiato e homenaxe a ‘Doutor Zhivago’, Moretti constrúe unha xenial metáfora sobre a crise do Partido Comunista Italiano e da militancia da esquerda durante a Guerra Fría.

O filme estreouse en 1989 no Festival de Venecia —onde obtivo o premio Bastone Bianco—, dous meses antes da caída do muro de Berlín e do derrubamento do PCI.


LUNS 22 DE SETEMBRO

‘Unha noite sen saber nada’ (‘A Night of Knowing Nothing’, Payal Kapadia, 2021, 99 min., VOSE, Lingua orixinal: hindi, bengalí e inglés).

Unha estudante de cinema atopa un feixe de cartas esquecido no Instituto de Cine e Televisión da India. A través delas flúe unha hipnótica historia de amor truncada polo un implacable sistema de castas indio. As cartas entrelázanse con gravacións que dan conta da efervescencia social e política que rodea as protestas estudantís de 2015 en Pune, India, fronte a un sistema corrupto, inxusto e represivo.

Un relato híbrido cheo de soños, paixón e revolta, no que ecoan, entre outros, Marker ou Pasolini.

Primeira longametraxe da directora india Payal Kapadia (‘A luz que imaxinamos’), galardoada en 2021 co prestixioso Oeil d’Or ao Mellor Documental na Quincena de Realizadores do Festival de Cannes e que conseguiu galardóns en Mar del Plata e Toronto.


MARTES 23 DE SETEMBRO

‘O seu xogo favorito’ (‘Man´s Favorite Sport’, Howard Hawks, 1964, 120 min., VOSE, Lingua orixinal: inglés).

Roger Willoughby é vendedor de apeiros de pesca nuns grandes almacéns de San Francisco e ten unha gran reputación entre os seus clientes logo de publicar un exitoso manual sobre a materia. Cando é convidado a participar nun dos concursos de pesca máis importantes do país, terá que enfrontarse a un feito importante: Roger non usou na súa vida unha cana de pescar!

Protagonizada por Rock Hudson e Paula Prentiss, ‘O seu xogo favorito’ é unha das máis disparatadas e divertidas obras do mestre da screwball comedy.

Con ecos do seu filme anterior ‘Bringing Up, Baby’, rodado no ano 1938, Hawks desmonta os mitos da masculinidade colocando unhas protagonistas femininas cheas de forza e seguridade ante a tímida e torpe mirada do seu protagonista masculino.


MARTES 30 DE SETEMBRO

‘O verán de Kikujiro’ (‘Kikujiro no natsu’, Takeshi Kitano, 1999, 120 min., VOSE, Lingua orixinal: xaponés).

Masao é un neno de nove anos ao que lle toca pasar as vacacións de verán coa súa avoa, que non para de traballar. Aburrido, xa que todos os seus amigos marchan de vacacións, decide ir á procura da súa nai, á que nunca viu, malia ter moi poucos cartos e só unha foto e un enderezo como referencia.

Unha amiga da súa avoa proponlle que o acompañe o seu marido, Kikujiro, un antigo yakuza reformado que non parece a compañía máis recomendable para un neno.

O verán de Kikujiro é unha road movie cómica e sentimental, con gags dignos de Chaplin e Tati. Protagonizada polo propio Takeshi, estivo nominada á Palma de Ouro no Festival de Cannes en 1999, e foi galardoada na Seminci co premio ao Mellor Actor e o Fipresci.



O Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades.

Podes escoller a opción que máis se adapte ás túas preferencias: 70 euros anuais, 25 trimestrais ou 3 euros por pases soltos.

As persoas que desexen asociarse poden facelo calquera día en que haxa proxección ou ben a través do blog da asociación.

Está pasando!