Presentación do ciclo ‘Unha cuestión de perspectiva’ | Concello de Pontevedra

A axenda cultural previa dos Premios Feroz incorpora o ciclo ‘Unha cuestión de perspectiva: as mulleres no audiovisual galego’

7 Xaneiro 2026

As xornadas, coordinadas por Paula Cabaleiro, terán lugar no Teatro Principal os venres 9 e 16 de xaneiro, incluíndo a proxección do último filme de Margarita Ledo, mesas de debate e unha performance de clausura.


O Concello de Pontevedra suma unha nova proposta á programación previa á entrega dos Premios Feroz, que se celebrará o vindeiro 24 de xaneiro. Trátase do ciclo ‘Unha cuestión de perspectiva: as mulleres no audiovisual galego’, un programa coordinado pola xestora cultural Paula Cabaleiro que busca reflexionar sobre a igualdade e os dereitos culturais a través de proxeccións, encontros e accións artísticas.

As actividades desenvolveranse no Teatro Principal durante dúas xornadas, os venres 9 e 16 de xaneiro, co obxectivo de poñer en valor o cinema galego dende unha ollada feminista, analizando como mudan os relatos e a construción de personaxes cando a autoría é feminina.

O ciclo abrirase este venres 9 de xaneiro ás 19:00 horas coa proxección do documental ‘Prefiro condenarme’ (2024), dirixido por Margarita Ledo. A cinta narra a historia real de Sagrario Ribela Fra, unha mariscadora da ría de Ferrol xulgada por adulterio en 1972, abordando temas como a violencia, a atmosfera social opresiva da ditadura e o dereito a querer e ser querida

Trala proxección, celebrarase un coloquio conducido por Paula Cabaleiro que contará coa presenza da propia directora, Margarita Ledo, e dunha das actrices principais do filme, Mónica Camaño.

A programación continuará o venres 16 de xaneiro cunha xornada intensiva que reunirá a destacadas profesionais do sector, dende produtoras e directoras ata guionistas e responsables de festivais. A sesión comezará ás 11.15 horas coa conferencia inaugural titulada ‘A situación das mulleres no cinema galego’, a cargo de Nati Juncal, produtora e delegada de CIMA en Galicia.

A continuación, desenvolveranse tres mesas de diálogo temáticas:

12.00 horas: ‘Producir cinema en Galicia con ollada feminista. Evolución dos últimos anos, dificultades do presente e retos por diante’, mesa moderada pola xornalista Ana G. Liste. Contará coa participación de Chelo Loureiro (directora e produtora, Abano Producións), Sara Horta (produtora, Indígena Films), Uxía Caride (xerente de AGAPI) e Anxos Fazáns (directora, guionista e produtora, Sétima).

16.30 horas: ‘Como nos conta o cinema galego? A perspectiva de xénero na dirección, no guión, na configuración das personaxes e na interpretación’ moderada pola xornalista e guionista Diana López Varela. Intervirán Jaione Camborda (directora e guionista, Concha de Ouro por ‘O Corno’), Lidia Fraga (guionista), Lucía Catoira Pan (directora de fotografía) e Lucía Veiga (actriz e presidenta da Academia Galega do Audiovisual).

18.15 horas. ‘Os circuítos do cinema galego. A perspectiva de xénero nos festivais, nas plataformas dixitais, na oferta en salas e noutros circuítos de proxección, divulgación e consumo’. Moderada pola xestora cultural Elena G. Román, contará coas voces de Ana Domínguez (directora do festival S8), Xisela Franco (cineasta e programadora), Ana Estévez (directora da MICE Museo do Pobo Galego) e Lucía Rodríguez (responsable de comunicación do FIC Bueu).

O ciclo pecharase ás 19:45 horas coa performance ‘Unha muller cunha cámara’, protagonizada por Mercé de Rande e Juanma LoDo. Inspirada na obra de Dziga Vertov, esta peza fusiona cinema e danza con manipulación de vídeo en tempo real para reflexionar sobre a autoimaxe e o rol da muller como suxeito activo que dirixe a mirada, fronte ao papel tradicional de obxecto pasivo.

Todas as actividades do ciclo son de acceso libre para todos os públicos ata completar a capacidade do Teatro Principal.

Está pasando!