Nuria Díaz e Demetrio Gómez presentan o cartel do XXVI Salón do Libro | Concello de Pontevedra

A vilagarciá Nuria Díaz, autora do cartel do XXVI Salón do Libro que botará a andar o 21 de marzo co cinema como protagonista

21 Febreiro 2025

  • Foi seleccionada entre os 44 portfolios presentados pola súa vinculación co cinema ao longo da súa ampla traxectoria.
  • Díaz traballou sobre a relación da literatura e o cinema, inspirándose no imaxinario do cinema clásico e nos personaxes antropomórficos habituais nos contos para cativada.
  • A ilustradora, que estudou Belas Artes na facultade pontevedresa, ten unha especial relación co cinema e conta con 3 publicacións como autora e ilustradora sobre as figuras de Wes Anderson, Alfred Hitchcock e Charles Chaplin.

O edil de Cultura do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez presentou esta mañá o cartel de ilustradora Nuria Díaz para o XXVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil que terá lugar entre o 21 de marzo e o 6 de abril na cidade do Lérez.

“Hoxe presentamos esta marabilla de cartaz que fixo Nuria Díaz para o Salón. A historia de Nuria co Salón e co cinema é longa, xa que ten feitos xa varios traballos con este tema e co Salón, participou con exposicións como ‘Pioneiras’ ou a mostra de ‘Xogos Tradicionais’ do Observatorio de Patrimonio Lúdico Galego, pero hai anos que queríamos colaborar. Este ano seleccionámola entre todos os portfolios que recibimos pola súa vinculación co cinema ao longo da súa ampla traxectoria.


Nuria Díaz e Demetrio Gómez presentan o cartel do XXVI Salón do Libro | Concello de Pontevedra

Desde o primeiro boceto que ela fixo, as súas propostas encantáronos e realmente dá gusto traballar cando hai unha persoa que ten esta sensibilidade, esta calidade e esta calidez. Que é quen de transmitir o que o Salón é. O simbolismo do cine e a literatura, a capacidade que ten de unilos. No equipo do Salón estamos encantadas”, salientaba o concelleiro.

Na súa intervención Nuria comentou que “despois de varios anos presentando o meu portfolio, tiven a sorte de ser seleccionada porque tiña moita gana de facer o cartel do Salón, e que fose xusto este ano, que está adicado ao mundo do cinema co que eu teño unha vinculación persoal e laboral moi estreita, foi un agasallo.

No cartel, logo dun proceso de enviar varios bosquexos que compartín co equipo do Salón, logo de compartir puntos de vista chegamos á conclusión de que era moi interesante mostrar a vinculación entre o cinema e a literatura. Son dúas disciplinas que estrán relacionadas entre si, que contan historias e crean emocións.


Cartel do XXVI Salón do Libro | Concello de Pontevedra

Ideei dous personaxes, divertidos, amenos, que conectaran moito co público ao que vai dirixido o Salón. Unha cámara e un libro que van percorrendo un camiño da man, que nos leve a lugares imaxinarios.

A miña inspiración veu por un lado polo imaxinario do cinema clásico, no icono da cámara, unha cámara antiga e tamén cos contos infantís. Por iso son uns personaxes atropomórficos, tan habituais nos libros para cativada.

O deseño do propio cartel vén sempre con este rectáculo negro onde está a información e quixen aproveitar este elemento do propio deseño, para crear aí mesmo o personaxe do libro e integralo.

Tamén quería que os personaxes puideran saír dalgunha maneira das marxes do cartel e estamos traballando nos personaxes en si mesmos para pasalos a outros espazos. Estou encantada e moi agradecida de poder facer este cartel e agardo que vos guste.


A ilustradora Nuria Díaz, autora do cartel do XXVI Salón do Libro | Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Biografía Nuria Díaz

Nuria Díaz (Vilagarcía de Arousa, 1982) licenciouse en Belas Artes na facultade pontevedresa no 2006 e logo estudiou un Máster en Arte e Comunicación en Santiago de Compostela, cidade onde reside actualmente.

De pequena encantáballe inventar historias e debuxalas. Unha paixón que nunca abandonou e que hoxe converteu na súa profesión. Logo de rematar os seus estudos traballou no eido do deseño gráfico en distintas empresas, adicándose sobre todo a tarefas de maquetación e deseño. Ó rematar o seu último traballo por conta allea volveu a reencontrarse co debuxo, algo que non deixara atrás pero que nunca pensara que podería converterse na súa profesión.

No 2010 gaña o premio de Ilustración ‘Pura e Dora Vázquez’ da Deputación de Ourense coas ilustracións para o conto ‘Palabra era un Universo paralelo’ de Xoán Babarro, e a partir de ahí comeza a traballar no eido da ilustración.

Dende entón ten traballado para multitude de ámbitos dentro do mercado da ilustración, dende ilustración infantil ata ilustración de producto. No 2018 publica o seu primeiro libro do que é autora tanto do texto como das ilustracións: a biografía ilustrada do director de cine Wes Anderson “El gran Hotel Wes Anderson” da man do selo Lunwerg da editorial Planeta. O seu interese polo cinema queda plasmado tamén nas seguintes obras como escritora e ilustradora: “Alfred Hitchcock: el niño que filmó el miedo” (2023) e “Charles Chaplin: el pequeño vagabundo” (2024), ambas da man da Editorial Libre Albedrío.

Como autora e ilustradora. As súas ilustracións caracterízanse por ser de composicións sinxelas, cunha gama cromática limitada, poéticas e con certo aire näif. Síntese cómoda entre as técnicas tradicionais e as dixitais e o seu traballo é unha mestura de ambas técnicas.

Está pasando!