Presentación da XIV Carreira de San Brais | Concello de Pontevedra

A XIV Carreira Pedestre de San Brais celébrase este domingo con máis de 240 participantes

29 Xaneiro 2026

A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, presentou a proba destacando que é unha cita “consolidada” e feita con moito agarimo pola veciñanza.


A parroquia de Salcedo acollerá este domingo, 11 de febreiro, a 14ª edición da súa emblemática carreira popular, enmarcada nas festas de San Brais. A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, foi a encargada de presentar o evento, cualificándoo como unha cita xa “consolidada” non só en Pontevedra senón en toda Galicia, e agradeceu o esforzo da organización para darlle ao deporte un lugar preferente nas festas.

A proba, organizada pola Asociación Veciñal Cultural Salcedo Norte, pechou as inscricións con cifras importantes: 114 corredores na categoría absoluta e 132 nas categorías inferiores. Carme, presidenta da asociación, destacou a colaboración de preto de 50 veciños, así como o apoio do Concello, Protección Civil, Cruz Vermella e patrocinadores privados como Carrefour.

Desde o punto de vista técnico, a carreira defínese como unha das “máis duras do calendario” polo seu perfil “rompepernas” con constantes subidas e baixadas, o que serve aos atletas para medir o seu estado de forma de cara a campionatos importantes.

A organización confirmou que a proba se disputará sen importar a climatoloxía, aínda que se prevé choiva. O circuíto podería sufrir pequenas adaptacións en tramos de monte por seguridade, pero a intención é manter o trazado orixinal de máis de 6.600 metros.

Ademais, este ano o Trofeo Julián Bernal renderá unha homenaxe especial a Jesús, un veciño e habitual corredor falecido recentemente.

O tráfico pecharase na zona a partir das 12:00 horas do domingo.

Está pasando!