Presentación da XXXVII Concentración Mototurística Internacional Rías Baixas | Concello de Sanxenxo

A XXXVII Concentración Mototurística Internacional Rías Baixas celebrarase os días 12, 13 e 14 de setembro

27 Xuño 2025

A Concentración Mototurística Internacional Rías Baixas volverá converter a Sanxenxo no epicentro das dúas rodas os días 12, 13 e 14 de setembro. O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Deportes, Voluntariado e Mocidade, Marcos Guisasola, xunto ao presidente do Motoclub Amigos da Moto Sanxenxo, Sergio Prol, acompañados de varios membros da directiva, presentaron no Real Club Náutico de Sanxenxo o cartel da cita moteira.

A imaxe desta edición, un atardecer na praia de Baltar, é do fotógrafo Emilio Rico da Asociación Ollares de Portonovo.

O Concello de Sanxenxo colaborará cunha achega de 15.000 euros, así como en reforzo de seguridade e organización da cita. Un ano máis a chaira de Baltar converterase na central de operacións do evento no que se espera concentrar a máis de 20.000 persoas. “É un evento plenamente consolidado en Sanxenxo, de calidade e que está chamado a seguir crecendo e seguir sendo un referente para os amantes das dúas rodas”, asegurou Telmo Martín. Na mesma liña, insistiu en que Sanxenxo debe traballar “para ter os 52 fins de semana do ano con actividades de distinto tipo”.

Pola súa banda, Sergio Prol tivo palabras de agradecemento para o Concello porque “sen a súa implicación non sería posible este evento”, pero tamén á hostalería local e ao fotógrafo que cedeu a súa imaxe para o cartel desta edición. “Este evento beneficianos a todos porque atrae a moita xente ao municipio que come, cea e durme e Sanxenxo”, dixo.

A programación aínda se está pechando, pero Prol xa asegurou que “haberá novidades e un pequeno plus que creo que vai quedar un evento bonito”.

Está pasando!